Memoria histórica

As e os 19 de Meirás cualifican de “vitoria” o sobresemento provisional e arquivo da causa aberta contra elas e eles

Esta decisión do Xulgado de instrución nº 2 de Betanzos non é firme, cabendo aínda recurso por parte dos Franco ante a Audiencia Provincial
As e os 19 de Meirás cualifican de “vitoria” o sobresemento provisional e arquivo da causa aberta contra elas e eles
IMG_20170830_120851
IMG_20170830_120851

As e os 19 de Meirás amósanse “enormemente orgullosas e orgullosos do que fixemos aquel agosto de 2017 coa ocupación simbólica do Pazo de Meirás”

Galiza, 9 de novembro de 2021._ O grupo de persoas denunciadas en agosto de 2017 polos Franco por reclamar a devolución do Pazo de Meirás ao pobo galego, máis coñecido como “19 de Meirás”, ven de ter coñecemento do sobresemento provisional e arquivo da causa aberta contra todas elas e eles, por parte do Xulgado de Instrución Nº 2 de Betanzos. Este auto non é aínda firme, cabendo recurso por parte dos Franco ante a Audiencia Provincial.

Desde as e os 19 de Meirás sinalan este feito coma unha “vitoria” e amósanse “enormemente orgullosas e orgullosos do que fixemos aquel agosto de 2017 coa ocupación simbólica do Pazo para denunciar o espolio perpetrado polo franquismo e reclamar a devolución de todo o roubado ao pobo galego” explica Anxo Louzao, voceiro das e dos 19 de Meirás.

“Aquela mañá de agosto un grupo de galegas e galegos, nacionalistas e democrátas, realizamos esta acción porque entendíamos que as institucións públicas tiñan que actuar para pór fin a máis de 80 anos de ignominia” sinalou Louzao. “A día de hoxe fica absolutamente demostrado que o pazo foi roubado ao pobo galego e que é absolutamente vergoñento que os herdeiros da ditadura sigan a desfrutar dun patrimonio que foi espoliado co sangue de milleiros de galegas e galegos” dixo o voceiro das e dos 19 de Meirás.

“Corresponde que unha vez que conclúa o proceso xudicial o Pazo sexa transferido á administración galega e que o destino que se lle dea sexa o de honrar a memoria democrática do pobo galego” reclaman desde as e os 19 de Meirás.

Con todo, desde este colectivo sinalan que “é innúmero o patrimonio que foi espoliado ao noso pobo por parte da ditadura franquista e que debe ser devolto” expuxo Louzao que sinalou como máximos expoñentes deste espolio, ademais do Pazo de Meirás, a coruñesa Casa Cornide ou as esculturas do Pórtico da Gloria, aínda en litixio.

Comentarios
As e os 19 de Meirás cualifican de “vitoria” o sobresemento provisional e arquivo da causa aberta contra elas e eles