Fondos Reconstrucción Europea

Ana Miranda: “No BNG estaremos vixiantes para que Galiza non saia perdendo coa redución dos fondos de cohesión, da PAC e do fondo para a transición xusta”

O BNG alerta que o acordo do Consello Europeo sobre os fondos de reconstrución da UE implican recortes en partidas fundamentais para a economía galega

Ana Miranda: “No BNG estaremos vixiantes para que Galiza non saia perdendo coa redución dos fondos de cohesión, da PAC e do fondo para a transición xusta”
Ana Miranda declaracións
Ana Miranda declaracións

Bruxelas, 21 de xullo de 2020. A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, fai unha primeira valoración das consecuencias do acordo acadado esta noite no Concello Europeo sobre os fondos europeos de reconstrución e o Marco Financeiro Plurianual polos que o Estado español recibirá uns 140.000 millóns de euros, dos que 72.700 millóns serán en axudas directas e outros 67.300 como préstamos que haberá que devolver. Se ben por un lado considera que “é de xustiza apoiar os nosos sectores produtivos con solidariedade europea”, por outra advirte que existen fortes recortes en partidas fundamentais para Galiza, como a PAC, os fondos de cohesión e o fondos para a transición xusta.

Instamos ao Estado a que especifique os fondos que vai ter Galiza e como se van distribuír”, sinalou ademais a portavoz do BNG en Europa, quen defendeu que esas axudas deben ser empregadas en emprego, sanidade, educación e servizos públicos, “xa que hai miles de familias que están vivindo as terribles consecuencias sociais e laborais da pandemia”. “Estaremos vixiantes a que criterios se utilicen para distribuír os fondos, tanto os fondos de recuperación como os fondos derivados do marco financeiro plurianual, e como se xestionen e controlen”, destacou, ao tempo que apuntou que o Plan de Reformas que aprobe o Estado español non pode ter consecuencias negativas no emprego, nas pensións nin nos servizos públicos “pois a crise non a poden pagar novamente as clases populares”.

Segundo manifestou Ana Miranda, “dende o BNG lamentamos que o acordo do Consello Europeo fose tan tardío, case medio ano despois do inicio da pandemia en Europa, e houbese tantas tensións para decidir un fondo de recuperación tan necesario que necesitaba da solidariedade europea coas persoas e sectores que máis padecen a crise”. Ademais, critica que os recortes acordados non só poden debilitar o impacto económico do plan de recuperación, senón que “evidencian que a UE vai aplicar medidas regresivas e que os Plans Estatais poden ter consecuencias no aumento de impostos, do déficit e no mercado laboral”.

Partidas que diminúen

Neste sentido Miranda alerta da supresión dun total de 80.000 millóns, de forma que o Fondo para a Transición Xusta, que ten por obxectivo completar a descarbonización en Europa, pasa de 30.000 millóns a 10.000 millóns, co que Galiza, que podería ser destinataria desas axudas, tamén sufriría a rebaixa de fondos posibles. Igualmente redúcese o orzamento adicional para Desenvolvemento Rural, que queda reducido á metade da súa cantidade orixinal, quedando tras o acordo en 7.500 millóns. Tamén diminúen o programa europeo de I+D (Horizonte Europa) que só se beneficiaría de 5.000 millóns do fondo de recuperación (fronte aos 13.500 millóns que propoñía a Comisión Europea) e o programa comunitario de investimentos (InvestEU), que recibe 5.600 millóns deste plan.

Dende a Executiva Nacional do BNG presentarase nos vindeiros meses a análise pormenorizada dos criterios e as consecuencias da aplicación dos fondos de recuperación e o seu impacto en Galiza, así como unha batería de iniciativas nos Parlamentos galego, estatal e Europeo sobre a necesidade de que Galiza xestione, distribúa e aplique mesmos, así como o impacto económico e social das condicións impostas.

Ana Miranda: “No BNG estaremos vixiantes para que Galiza non saia perdendo coa redución dos fondos de cohesión, da PAC e do fondo para a transición xusta”