BNG | nota de prensa

Ana Miranda: “Desde a Comisión de Peticións trasladaremos ao goberno español as demandas das familias do Villa de Pitanxo”

A eurodeputada do BNG destaca que ademais da investigación e a baixada ao pecio reclamaranse máis inspeccións nos buques
Ana Miranda: “Desde a Comisión de Peticións trasladaremos ao goberno español as demandas das familias do Villa de Pitanxo”
Ana Miranda Villa Pitanxo
Ana Miranda Villa Pitanxo

Bruxelas, 25 de outubro de 2022. A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, que hoxe asumiu a vicepresidencia da Comisión de Peticións da Eurocámara, iniciou esta nova responsabilidade coa comparecencia das familias do Villa de Pitanxo, buque afundido o pasado 15 de febreiro en augas de Terranova. “Que viñeran xusto no día de hoxe pon o noso traballo a dispor, o noso apoio, a nosa solidariedade e as nosas condolencias, como sempre fixemos”, manifestou.

Segundo denunciou a vicepresidenta da Comisión de Peticións, os familiares do Villa de Pitanxo tiveron que acudir ao Parlamento Europeo  “porque non foron escoitados no Estado” e “porque non tiveron resposta”, o cal ao seu xuízo mostra a “ineficacia do Estado”. Ao respecto criticou que esta mesma situación aconteceu en outros accidentes que se produciron, como o Alvia, o Yak42, Spanair e o metro de Valencia.

Así, en virtude da sesión celebrada hoxe, a Comisión de Peticións vai trasladar ao goberno español a urxencia de que haxa unha investigación, “que non se fixo”. “Como é posible que o Ministerio de Transportes leve 8 meses facendo consultas para determinar os medios técnicos necesarios e o coste económico de dita investigación”, manifestou Ana Miranda, quen sinalou que outra demanda refírese a urxencia de que se baixe ao pecio.

“Como é posible que se baixara varias veces ao Titanic e aínda non se baixara ao Villa de Pitanxo”, sinlou. “Non é normal que a estas alturas e aínda non se baixara ao pecio para esclarecer as causas do sinistro”, indicou a eurodeputada do Bloque. Por outro lado, indicou que desde o BNG tamén se trasladará a necesidade de que se leve a cabo a inspección de determinados buques para garantir a seguridade no mar. 

Obstáculos para as axudas sociais

Ana Miranda fixo mención das condicións de traballo no Villa de Pitanxo. “Traballaban con material inseguro, unha persoa estivo faenando cun dedo roto (en concreto o marido dunha das persoas comparecentes) e outras con COVID, de forma que hai unha responsabilidade da armadora”, indicou.

A eurodeputada do BNG puxo de manifesto a grave situación pola que atravesan algunhas familias que aínda non recibiron as axudas que lle corresponden por non ter recoñecido oficialmente o estatus de parella, de forma que esta situación afecta tamén aos fillos, como aconteceu na Inspección de Traballo en Vigo. “É incomprensible que as familias atopen tantos obstáculos para obter as axudas sociais”, denunciou.

“Demandaremos que sobre todo se tomen medidas para que un accidente destas características non volva ocorrer”, concluíu.

Ana Miranda: “Desde a Comisión de Peticións trasladaremos ao goberno español as demandas das familias do Villa de Pitanxo”