BNG | nota de prensa

Ana Miranda critica que Feijoo garanta en Bruxelas o investimento dos fondos da UE cando deixou sen gastar 1.400 millóns no período 2014-2020

O BNG acusa ao presidente galego de ir a Bruxelas a “vender motos” sobre a súa xestión e facerse fotos irrelevantes

Ana Miranda critica que Feijoo garanta en Bruxelas o investimento dos fondos da UE cando deixou sen gastar 1.400 millóns no período 2014-2020
Ana Miranda declaracións
Ana Miranda declaracións

Bruxelas, 17 de novembro de 2021. A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, pon en dúbida a fiabilidade do presidente da Xunta, quen asegurou onte que executará eficazmente os fondos europeos pese a que no anterior Marco Financeiro Plurianual 2014-2020 non executou todos os fondos dispoñibles. “Pouco valor teñen as palabras de Feijóo cando no periodo anterior deixou máis de 1.400 millóns de euros sen executar”, salienta.

“Estamos diante dun goberno ineficaz e pouco fiable”, subliña a portavoz do Bloque en Europa, quen critica que Feijoo se trasladase a Bruxelas a “vender motos” sobre a súa xestión e facerse fotos turísticas e irrelevantes o día antes de que A Mariña viva unha xornada de folga xeral diante da grave crise industrial que atravesa a comarca. “É terrible que Feijóo vaia a Bruxelas a presumir de xestión cando a realidade é que non sabe que facer cos cartos que recibe de Europa”, denuncia.

Para o Bloque “é unha total irresponsabilidade que o goberno galego non invista até o último euro que vén de Bruxelas”, xa que eses fondos poderían ser utilizados para solventar os múltiples problemas de país relacionados co desemprego, o desmantelamento industrial, o problema demográfico ou a emigración da mocidade, entre outras cuestións.

Falta de participación e transparencia

Segundo apunta Ana Miranda, “a situación é preocupante pois Galiza vai ser receptora de fondos ordinarios de cohesión e extraordinarios do Next Generation e o Goberno galego non amosa información pública de como vai gastar os fondos nin facilita participación sobre uns fondos que poden marcar o futuro de Galiza”.

Neste sentido, o BNG denuncia non só a falta de transparencia do goberno Feijóo, senón tamén a falta de adaptación dos fondos europeos á realidade galega. “A xestión e a execución levadas a cabo pola Xunta para a implementación e posta en marcha dos fondos estruturais e de investimento europeos a través do Plan Estratéxico Galiza 2014-2020 xa deixou ver esa falla de transparencia e a falla do estado contable da Xunta e seus organismos autónomos”, sinala Ana Miranda, quen advirte que ese risco existe tamén na xestión dos fondos para o vindeiro período. 

A portavoz do Bloque en Europa lembra que xa na reunión que Ana Pontón e ela mesma mantiveron coa Comisaria de Política Rexional, Elisa Ferreira, o pasado 1 de xuño, lle trasladaron esta problemática. Ademais, sobre a falta de transparencia a respecto dos fondos europeos xa alertou o propio Consello de Contas no seu Informe de Fiscalización dos Fondos Europeos de 2018, polo que Miranda salienta que o goberno galego debería tomarse en serio o cumprimento dos estándares europeos relacionados coa transparencia.

Ana Miranda critica que Feijoo garanta en Bruxelas o investimento dos fondos da UE cando deixou sen gastar 1.400 millóns no período 2014-2020