BNG | nota de prensa

Ana Miranda denuncia na Comisión de Pesca da Eurocámara as consecuencias para Galiza do veto en 87 caladoiros no Atlántico

A eurodeputada nacionalista traslada o malestar existente no sector pesqueiro galego e propón que participe directamente nunha sesión.

Ana Miranda denuncia na Comisión de Pesca da Eurocámara as consecuencias para Galiza do veto en 87 caladoiros no Atlántico
Ana Miranda Comisión Pesca
Ana Miranda Comisión Pesca

Bruxelas, 29 de setembro de 2022. A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou hoxe na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo as consecuencias inadmisibles do veto á pesca de fondo en 87 caladoiros do Atlántico adoptado pola Comisión Europea. “Lamento ter que comezar o meu traballo na Comisión de Pesca rexeitando a decisión unilateral tomada pola Comisión Europea o pasado 15 de setembro”, manifestou Ana Miranda na súa intervención, quen salientou que para o sector pesqueiro galego trátase dunha decisión inaceptable, ao ser adoptada sen ter en conta o criterio socioeconómico.

“De verdade que non coñece a Comisión as graves consecuencias que ten esta decisión para o sector pesqueiro galego?”, sinalou Ana Miranda, quen apuntou que a pesca  en Galiza supón preto do 6% do PIB e que esta medida afecta a 200 barcos de capital galego e 900 de forma indirecta, con máis de 4000 tripulantes afectados, e un impacto económico de case 900 millóns de euros, sendo os portos de Vigo, Ribeira, A Coruña e Celeiro os máis afectados, así como toda a cadea pesqueira.

“Non só é inaceptable que a Comisión decidira prohibir a pesca de fondo nestas áreas, tamén resulta inadmisible a súa negativa a debater a decisión tendo en conta as consecuencias para a frota”, criticou Miranda, quen considera que non é de recibo que o Comisario de Pesca dixera a semana pasada que esta prohibición se revisará no mes do novembro cando vai entrar en vigor o vindeiro 9 de outubro sen utilizar un criterio científico actualizado. Neste sentido sinalou que o informe empregado non tivo en conta a análise do palangre de fondo.

Escoitar ao sector

A eurodeputada nacionalista trasladou á Comisión o malestar existente no sector pesqueiro galego e puxo no seu coñecemento as mobilizacións convocadas proximamente nos portos galegos. Co obxectivo de facer fronte a esta situación, propuxo a creación dunha rede de eurodeputadas e eurodeputados das zonas afectadas e que se convide ao sector pesqueiro a participar na propia Comisión de Pesca para que se expresen “xa que no foron escoitados”.

“Estamos escandalizados ante esta decisión”, subliñou a eurodeputada nacionalista, ao tempo quen lembrou que onte no Parlamento Galego se aprobou un texto de forma unánime en contra da decisión da Comisión Europea e solicitando que rectifique e anule a prohibición da pesca de fondo.

Por outro lado, a eurodeputada do BNG criticou a toma de decisións da Comisión Europea a respecto do impacto do Brexit e da reserva de axuste. “O argumento de que Reino Unido poida tomar decisións unilaterais é unha escusa, e a Comisión non defende ao sector pesqueiro como debería”. 

Ana Miranda denuncia na Comisión de Pesca da Eurocámara as consecuencias para Galiza do veto en 87 caladoiros no Atlántico