Violencia racial

Ana Miranda reclama que a Comisión Europea impulse a loita contra o racismo

O BNG defende o cumprimento dos acordos para eliminar todas as formas de discriminación racial e o avance do neofascismo

Ana Miranda reclama que a Comisión Europea impulse a loita contra o racismo
16 resolución fascismo
16 resolución fascismo

Bruxelas, 10 de xuño de 2020.- A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, insta á Comisión Europea a impulsar a loita contra o racismo e os discursos que fomentan o odio, presentes incluso en algunhas formacións políticas do Estado español. Para Miranda “as formas contemporáneas de racismo, discriminación racial, xenofobia e formas conexas de intolerancia son exemplos do neofascismo a nivel mundial que deben ser combatidas desde todos os ámbitos”.

Neste sentido, nun escrito dirixido á Comisión Europea para coñecer que medidas pensa adoptar ao respecto, a portavoz do Bloque en Europa salienta que a Unión Europea debe esixir o cumprimento dos diferentes acordos europeos existentes entre os que destaca a Convención Internacional sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial e a Resolución contra o Avance do Neofascismo en Europa.

“Reclamamos que a Unión Europea condene os últimos acontecementos ocorridos en Palestina ou o Sahara Occidental, así como o asasinato de George Floyd nos Estados Unidos”, subliña Ana Miranda, quen lembra que a Resolución aprobada polo Parlamento Europeo en novembro de 2018 sobre o avance do neofascismo en Europa – da que é coautora-, pide aos Estados membros que investiguen e persigan os delitos motivados polo odio e compartan as mellores prácticas para detectar e investigar os delitos de odio, incluídos os motivados especificamente polas distintas formas de xenofobia.

Apoio ás vítimas

Esta Resolución tamén insta aos Estados a prever e proporcionar un apoio adecuado ás vítimas de delitos racistas, xenófobos e de odio, ademais da protección dos colectivos e organizacións da sociedade civil que loitan contra o fascismo, o racismo, a xenofobia e outras formas de intolerancia. “Quen defende calquera forma de xenofobia ou fascismo debe saber que nos terá sempre en fronte”, salienta.

Ana Miranda reclama que a Comisión Europea impulse a loita contra o racismo