BNG | nota de prensa

Ana Miranda traslada á Comisión Europea a manipulación orquestrada polo Ministerio de Fomento sobre o accidente do Alvia

O BNG pregunta ao executivo comunitario que actuacións ten previstas para que o goberno estatal cumpra a directiva europea de seguridade ferroviaria
Ana Miranda traslada á Comisión Europea a manipulación orquestrada polo Ministerio de Fomento sobre o accidente do Alvia
Comisión Miranda Pontón Vítimas Alvia 2
Comisión Miranda Pontón Vítimas Alvia 2

Bruxelas, 3 de xaneiro de 2022.- A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, traslada á Comisión Europea -a través da coalición da que forma parte o Bloque en Europa- as manipulacións realizadas polo Ministerio de Fomento en 2016 a respecto da presión exercida no executivo comunitario para que non se soubera o contido do informe da Axencia de Seguridade Ferroviaria Europea (ERA) sobre as causas do accidente de Angrois. Esas manipulacións que traslada o BNG á Comisión Europea defendían a versión oficial que culpaba ao maquinista e trataban que a UE non revelase un informe crítico coa investigación oficial realizada pola CIAF, tal e como publican hoxe os medios Praza Pública e Infolibre tras unha detallada investigación.

“Estamos diante dunha vulgar manipulación por puro cálculo electoral”, manifesta Ana Miranda, en referencia á “coincidencia no tempo” das manobras realizadas por Fomento entre maio e xuño de 2016 e as eleccións xerais dese ano, celebradas o 26 de xuño. “Nese momento as alegacións do goberno español supuxeron o retraso do informe durante máis dun ano, igual que nos últimos anos a pandemia serve de escusa para xustificar o retraso no cumprimento do plan de acción de seguridade ferroviaria que esixe o procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea contra o Estado español”, salienta.

Neste sentido, Miranda lembra que o procedemento de infracción foi aberto pola Comisión Europea contra España en xaneiro de 2019 por incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria tras a denuncia presentada polo BNG nas institucións europeas. “Queremos saber que ten pensado facer a Comisión Europea para que o goberno español cumpra a normativa europea e evitar que volva suceder outro accidente de consecuencias tan graves”, apunta a portavoz do Bloque en Europa.

Tres anos de parálise

“O papel dos sucesivos gobernos españois a respecto do accidente de Angrois e a investigación é vergoñento. Van xa tres anos agardando a que o Estado español poña en marcha o plan de acción correspondente ao procedemento de infracción e van xa tres anos de escusas, pero tamén é tempo de que a Comisión se poña as pilas e reclame actuacións claras”, subliña Ana Miranda. “Nin ás vítimas nin ao BNG nos chega coas preocupacións expresadas carta de emprazamento e relacionadas coa correcta execución da Directiva 2004/49/CE de seguridade ferroviaria. Queremos feitos”, sinala. “A estas alturas é un insulto á intelixencia que non teñamos enriba da mesa unha investigación independente do accidente porque PP e PSOE queren ocultar as súas miserias”, conclúe Miranda.

Ana Miranda traslada á Comisión Europea a manipulación orquestrada polo Ministerio de Fomento sobre o accidente do Alvia