Igualdade e diversidade

Axudas, por valor de 150.000 euros, para proxectos que fomenten a igualdade e a visibilización das diversidades

A concelleira Rocío Fraga salientou que estas subvencións garantirán que, ao longo de 2019, entidades sociais da cidade poidan levar a cabo actividades que afonden na loita contra as violencias machistas, que favorezan a promoción do colectivo LGTBQI e que se centren nunha nova liña de axudas destinada ao impulso de procesos de formación e sensibilización social tendentes á construción dunha cidadanía global

Axudas, por valor de 150.000 euros, para proxectos que fomenten a igualdade e a visibilización das diversidades
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga

O goberno local tramita de forma anticipada a convocatoria de axudas para o vindeiro ano para proxectos que fomenten a igualdade e a visibilización das diversidades. Segundo hoxe explicou en rolda de prensa a concelleira do ramo, Rocío Fraga, desta forma, as entidades sociais da cidade ás que está dirixida esta liña de subvencións poderán optar á mesma dende o inicio do vindeiro ano, independentemente dos tempos administrativos. A tramitación anticipada desta convocatoria, para a que o executivo municipal reserva 150.000 euros, será aprobada nos próximos días na Xunta de goberno local, para posteriormente ser publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP) antes da apertura do prazo de presentación de solicitudes. “O que pretendemos é achantar o camiño o máis posible ás asociacións sen ánimo de lucro do ámbito das diversidades e a igualdade. A tramitación anticipada garante que a convocatoria se resolva dentro do primeiro trimestre de 2019, de forma que as entidades beneficiaras poidan contar co financiamento preciso para levar a cabo durante todo o vindeiro exercicio os proxectos que deseñen sen necesidade, se así o desexan, de adiantar fondos para a súa execución”, explicou.

Fraga explicou que o montante de 150.000 euros, do mesmo xeito que en pasadas edicións, contempla dúas liñas de subvencións: unha, dotada de 60.000 euros, e destinada a fortalecer o movemento asociativo pola igualdade e diversidade na Coruña, e outra para o financiamento de proxectos e actividades concretas, neste caso por 90.000 euros.

A súa vez, os proxectos potencialmente subvencionables divídense en tres supostos: aqueles que fomenten a igualdade de xénero e a erradicación das violencias machistas, os que afonden na promoción activa e na defensa do colectivo LGTBQI e na promoción de actividades para a identificación de delitos de odio, así como os que impulsen procesos de formación e sensibilización social tendentes á construción dunha cidadanía global. A titular de Igualdade destacou a incorporación na nova convocatoria deste terceiro suposto de actuación, “que basicamente ten por obxecto contribuír ao financiamento de proxectos que poidan xerar procesos e participación e de acción cidadá, reafirmando os vínculos existentes entre desenvolvemento, xustiza e equidade”. As accións deberán incidir en temáticas tales como saúde e benestar (centrándose especialmente no ámbito dos dereitos sexuais, loita contra o VIH e saúde infantil), igualdade de xénero, empoderamento feminino e promoción de sociedades xustas, pacíficas e inclusivas. A concelleira convidou as entidades da cidade a participar nesta convocatoria de axudas, así como recordou a necesidade de que as asociacións que se presenten á mesma figuren inscritas no Rexistro Municipal de Asociacóns da Coruña (REMAC).

Espazo Diverso

Por outro lado, a concelleira Fraga indicou que, pechado xa o anterior expediente tras a resolución do Tribunal Administrativo de Contratación, o goberno local ten todo a punto para iniciar, de novo, a tramitación de urxencia do contrato polo que se xestionará o Espazo Diverso. A responsable municipal recordou que o novo contrato polo que se xestionará este servizo estará mellor dotado orzamentariamente e ofrecerá á cidadanía un maior número de prestacións, reforzando a atención psicolóxica e xurídica e atendendo tamén á dinamización, sensibilización e fomento da visibilidade de persoas LGTBQI. A edil, que convidou as entidades do ámbito das diversidades a participar na nova convocatoria, comentou tamén que aínda que nestes momentos o Espazo Diverso non está operativo “o servizo que prestaba estase a dispensar tanto a través do propio servizo municipal de Igualdade e Diversidade como cos recursos existentes no COF (Centro de Orientación Familiar”).

Axudas, por valor de 150.000 euros, para proxectos que fomenten a igualdade e a visibilización das diversidades