BNG | nota de prensa

O BNG defende na Eurocámara a trazabilidade dos produtos pesqueiros e marisqueiros galegos

Ana Miranda critica na Comisión de Pesca o balance negativo da PPC tras dez anos da súa reforma
O BNG defende na Eurocámara a trazabilidade dos produtos pesqueiros e marisqueiros galegos
Ana MIranda pesca
Ana MIranda pesca

Bruxelas, 1 de marzo de 2023. A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, fixo balance da actual Política Pesqueira Común e asegurou que “non tivo os efectos desexados” dez anos despois da súa reforma, xa que a súa aplicación tivo efectos moi negativos nunha nación eminentemente pesqueira como é Galiza. Así, mencionou as continuas reducións de frota e as trabas administrativas coas que se atopan os donos das embarcacións.

“O sector pesqueiro e marisqueiro galego é o máis interesado en ter sostibilidade, pero hai que ter en conta a implicación social das decisións que se toman”, manifestou Miranda na Comisión de Pesca celebrada hoxe, na que mencionou problemas concretos cos que se atopa o sector, como a contaminación por plásticos causada pola industria ou as augas residuais, que nalgunhas zonas provoca a mesmo mortalidade dos bivalvos.

Por outro lado, sobre a trazabilidade dos produtos, Ana Miranda destacou que na actualidade “hai a oportunidade de incluír o etiquetado de produtos elaborados e de conserva”, tan importantes para a economía galega. Na súa intervención defendeu a trazabilidade dos produtos galegos ao tempo que lembrou a “batalla” que tivo lugar na propia Comisión de Pesca no ano 2012 ao fío do informe Stevenson, cando determinados grupos non apoiaron esta trazabilidade e defenderon a supresión da denominación de orixe do mexillón.

Recoñecemento das confrarías

A eurodeputada galega tamén fixo referencia ao recoñecemento das confrarías como actores fundamentais na toma de decisións no sector pesqueiro e considerou que é “necesaria máis información sobre as tarefas que poden realizar as organizacións de produtores”. Ao respecto sinalou que se lle está trasladando que non habería problema no seu recoñecemento, pero habería que dar pasos para avanzar. ”É imprescindible que Bruxelas recoñeza a singularidade galega”, salientou.

O BNG defende na Eurocámara a trazabilidade dos produtos pesqueiros e marisqueiros galegos