BNG | nota de prensa

BNG solicita a comparecencia dos novos altos cargos do MITMA

A frente nacionalista rexistra a presenza do Secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e o Presidente de Renfe no Congreso para que expliquen o estado de execución dos proxectos pendentes na Galiza e as previsións para asumir actuacións en infraestruturas imprescindíbeis no noso País
BNG solicita a comparecencia dos novos altos cargos do MITMA
Néstor Rego
Néstor Rego

O BNG quer lembrar os deberes que o Ministerio de Transportes ten coa Galiza

Madrid, 24 de febreiro de 2023. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar a solicitude de comparecencia do Secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, David Lucas, e o novo Presidente de Renfe, Raül Blanco, na Comisión de Transportes da cámara baixa. A frente nacionalista demanda coñecer o estado de proxectos prioritarios para o País, especialmente en materia ferroviaria, e que están aínda pendentes de realizar como son o Eixo Atlántico, a saída sur de Vigo, a modernización da rede interna ou a implantación das cercanías ferroviarias.

Despois de que a anterior Secretaria de Estado e o antigo Presidente de Renfe renunciase, o Consello de Ministros desta semana, a instancias da Ministra de Transportes, aprobou o nomeamento de David Lucas e Raül Blanco, como Secretario de Estado e Presidente de Renfe respectivamente. A menos de dez meses das eleccións xerais, a organización nacionalista entende que os novos cargos do Ministerio deben comparecer ante a cámara baixa para explicar o grao de execución das accións en marcha e os pasos que darán para impulsar os proxectos pendentes.

“Fican moitos proxectos pendentes de tramitar e aprobar, incluso outros que están á espera de ser licitados. Os novos cargos deben explicar cales serán as súas prioridades e as solucións que manexan para resolver os problemas que a día de hoxe existen na Galiza en materia de infraestruturas, sobre todo ferroviarias” explica o deputado do BNG.

Entre os proxectos pendentes, destaca a necesidade de licitar as obras da saída sur de Vigo para conectar con Porto, acometendo a conexión ferroviaria do Eixo Atlántico. Un proxecto fundamental para a vertebración da Galiza que “debe contar co apoio decidido do Goberno do Estado, máis se temos en conta o grave atraso acumulado, o que fai necesario que se traballe máis rápido para que se faga realidade no menor tempo posíbel”. Néstor Rego lembra que o Goberno luso está comprometido con esta obra estratéxica mentres que o Goberno do Estado prioriza outras construcións.

Así mesmo, Rego entende que é necesario mellorar os servizos ferroviarios na Galiza a través “de máis persoal e máis recursos materiais” que permitan solucionar os problemas existentes como os retrasos cronificados nas liñas que conectan as principais cidades e núcleos de poboación. “Mellorar e ampliar os servizos ferroviarios na Galiza debe de ser unha das prioridades dos novos altos cargos do Ministerio e a solución é aumentar as frecuencias ferroviarias, así como estabelecer unha política tarifaria atractiva que permita que máis persoas usuarias escollan os servizo ferroviarios en detrimento do vehículo privado” demanda Néstor Rego.

“Fica pendente tamén coñecer cantos dos AVRIL se porán en funcionamento na Galiza, posto que o Ministerio aínda non respondeu as nosas iniciativas, e mesmo, se existe compromiso do Goberno do Estado para implantar as cercanías ferroviarias nas principais cidades da Galiza e as súas áreas de influencia” afirma. Unha cantidade inxente de proxectos que a organización nacionalista demandará aos novos altos cargos do Ministerio do MITMA co obxectivo de superar o déficit histórico da Galiza en materia de infraestruturas, sobre todo ferroviarias, e conseguir a ampliación e mellora dos servizos ferroviarios no País.

BNG solicita a comparecencia dos novos altos cargos do MITMA