BNG | nota de prensa

O BNG toma posesión do escano no Parlamento Europeo para darlle voz propia a Galiza

Ana Miranda: “Desde as Comisións de Pesca e Peticións trataremos temas de gran calado para a economía do noso País e na defensa dos dereitos humanos”
O BNG toma posesión do escano no Parlamento Europeo para darlle voz propia a Galiza
Ana MIranda Ana Pontón presentación escano 2
Ana MIranda Ana Pontón presentación escano 2

Ana Pontón: “Con Ana Miranda na Eurocámara, Galiza gaña un escano, porque gaña peso político, voz libre e soberana, e capacidade para influír”

Bruxelas, 6 de setembro de 2022. Acadar que Galiza teña voz propia nas institucións europeas é un dos obxectivos prioritarios do escano do BNG no Parlamento Europeo, segundo subliñaron a eurodeputada entrante, Ana Miranda, e a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, nunha comparecencia conxunta en Bruxelas para explicar as principais liñas de traballo do BNG na Eurocámara. “Nós non vimos a defender os “lobbys” empresariais, senón a dar voz o Pobo Galego”, salientou Ana Miranda.

“Ábrese unha nova etapa, na que o BNG recupera o escano para Galiza, no que temos máis poder político e máis poder para decidir en cuestións moi importantes para o noso país e os seus sectores produtivos”, explicou a eurodeputada nacionalista, quen neste sentido salientou a importancia de traballar desde a titularidade na Comisión de Pesca e na Comisión de Peticións, “nas que trataremos temas de gran calado para a economía do noso país e tamén na busca da verdade e a xustiza para as vítimas do Alvia”.

Ana Miranda explicou que ese aumento do poder político e da capacidade de decidir, -avalado polo considerable aumento dos votos do BNG nas eleccións europeas de 2019, ao pasar dos 80.000 votos en 2014 a 174.000 no 2019-, desenvolverase tamén a través do traballo na Comisión de Política Rexional, fundamental porque nela se debate o marco financeiro plurinacional e os fondos Next Generation. “Faremos un control exhaustivo do uso destes cartos, porque temos indicios de que non sempre chegan onde deberían”, indicou. 

A subComisión de Dereitos Humanos será outra das pezas deste mosaico no que o BNG artellará o seu traballo. Por outro lado, o Bloque manterá a súa ollada internacionalista coa participación nas delegacións de Eurolat, Comunidade Andina, Chile, Palestina e Turquía, e por suposto na defensa dos irmáns do Sáhara Occidental e do Kurdistán.

Ana Miranda presentación escano
Ana Miranda presentación escano

Resposta á crise

“Estamos ante o reto de dar resposta a grave crise económica que está provocando o desmesurado aumento dos prezos e da inflación, así como dun belicismo sen alma nin corazón”, avanzou Ana Miranda, quen engadiu que o escano será “máis social, feminista, e ecoloxista que nunca, no que nos comprometemos a traballar sen pausa para que Galiza sexa escoitada, porque sabemos que ningún goberno o fai, como acabamos de ver co Corredor Atlántico”.

“Quero agradecer a todos e cada un dos votantes esta mostra de confianza, xa que para min é unha honra e un orgullo, -así como unha gran responsabilidade- estar á altura no traballo polo país e por todos os galegos e galegas”, manifestou Ana Miranda, quen quixo dedicar unhas palabras a súa nai e o seu pai, falecidos durante a pandemia. “Sen eles, o seu exemplo e o seu esforzo, eu non estaría aquí... A súa forza fai que encare esta nova etapa con máis ganas e vontade de dar o mellor de min mesma”, recoñeceu.

Maior peso político

Pola súa banda, para Ana Pontón subliñou que, con Ana Miranda como eurodeputada, -nun contexto marcado por unha crise de prezos que está afectando dun xeito moi importante ao conxunto dos galegos e galegas-, “Galiza gaña peso político, gaña unha voz ceibe en defensa dos intereses dos galegos e das galegas”, xa que segundo defendeu “é o escano da pesca galega, dos gandeiros que reclaman prezos xustos e poder seguir producindo, do trato xusto a Galiza, de loita contra o cambio climático e para frear o boom eólico depredador, para defender as liberdades e a xustiza social, os dereitos nacionais e sociais dos pobos”.

“Hoxe o BNG non gaña un escano, gáñao Galiza, porque gaña peso político, voz libre e soberana, e capacidade para influír”, incidiu a portavoz nacional do Bloque na súa intervención, que ao tempo manifestou o orgullo de que o BNG estea representado por Ana Miranda na Eiurocámara, “pero aquí non empeza o seu traballo, esa acta de eurodeputada dalle máis impulso a un traballo que xa se veu facendo desde os útlimos anos”.

Neste sentido, Pontón reivindicou o traballo desenvolvido por Ana Miranda, como o referido ao accidente do Alvia, impedir que se prohibira a arte de pesca do xeito, que se tivera en conta o despoboamento no reparto de fondos, a denuncia da falta de saneamento das rías ou a resolucion contra o neofranquismo. “Ana Miranda, é sempre unha aliada de Galiza e das causas xustas. Que nos represente Ana Miranda, garantía para Galiza e o BNG”, concluíu Ana Pontón.

Comentarios
O BNG toma posesión do escano no Parlamento Europeo para darlle voz propia a Galiza