BNG | nota de prensa

BNG urxe a ampliar os servizos ferroviarios na Galiza para 2023

Néstor Rego aposta por implantar os servizos de cercanías, xa nestes Orzamentos, nas principais cidades do País e as súas áreas de influencia
BNG urxe a ampliar os servizos ferroviarios na Galiza para 2023
Néstor Rego
Néstor Rego

A frente nacionalista traslada as reclamacións das persoas usuarias dos servizos de RENFE na Galiza e demanda aumentar as frecuencias dos servizos xa existentes no Eixo Atlántico e no Corredor AVANT Ourense-Santiago-A Coruña

Madrid, 24 de outubro de 2022. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas para coñecer a planificación de RENFE ante a falta de reposición de servizos suprimidos, especialmente nos servizos ‘rexionais’ e lanzadeiras, e os plans da entidade para ampliar o persoal e material na Galiza para 2023. A frente nacionalista demanda a implantación do servizo de cercanías nas áreas urbanas do País e aumentar as frecuencias xa existentes ante o aumento da demanda do ferrocarril, para apostar por un medio de transporte máis eficaz e sustentábel.

Na actualidade, o tráfico ferroviario de servizo público entre as grandes cidades e as áreas metropolitanas da Galiza rexistra un volume considerábel de viaxeiros. O Eixo Atlántico ocupa a segunda posición en Media Distancia e o corredor AVANT entre os dez primeiros postos no conxunto do Estado.

A implantación das bonificacións de 100% nos abonos produciu un grande aumento da demanda. De facto, a Galiza está a ser o cuarto territorio con maior demanda de abonos, por detrás de Madrid, Barcelona ou Andalucía, que triplican a poboación da Galiza e posúen máis servizos ferroviarios, como as cercanías entre outros.

“É necesario que a operadora RENFE reforce e amplíe o persoal e o material rodante na Galiza para o próximo exercicio de 2023 onde continuarán as bonificacións e aumentará tamén a demanda do transporte ferroviario” afirma o deputado do BNG. Néstor Rego, alén de sinalar a necesidade de aumentar as frecuencias tanto do Eixo Atlántico e o AVANT que conecta Ourense con Santiago e A Coruña, reclama a implantación do servizo de cercanías ferroviarias nas principais cidades do País e as súas áreas de influencia.

Rego sinala que non existen partidas orzamentarias no Proxecto de Orzamentos para 2023 presentado polo Goberno do Estado para a implantación do servizo de cercanías ferroviarias na Galiza. Pola contra, o Ministerio de Mobilidade contempla a creación de cinco novos servizos de Cercanías noutros puntos do Estado como Madrid, Castela e León, Murcia ou Andalucía.

Para a organización nacionalista, existe masa crítica suficiente que permitiría implantar este servizo de cercanías. Cando hai cidades de 270.000 habitantes que o posúen, a área urbana de Vigo-Pontevedra concentra máis de 750.000 habitantes e a da Coruña-Ferrol por volta de 650.000, de forma que de ningunha maneira se pode alegar falta de demanda. Aliás, os datos que se poden manexar recentemente, cos incrementos producidos na media distancia coa bonificación, apoian esta idea. Este novo servizo permitiría vertebrar o territorio a través de “novas liñas, horarios, maiores frecuencias e tarifas máis accesibéis” que permitiría aos usuarios recorrentes facer uso desta modalidade de servizo público .

Alén do máis, o deputado nacionalista lembra que aínda non foron repostos a totalidade dos servizos suprimidos durante a pandemia e continúan sen programar novos servizos. Neste sentido, pronunciáronse os usuarios, con múltiples queixas individuais e colectivas. Tamén o Parlamento Galego, o Consello Económico e Social, a Federación de Municipios e Provincias e distintos concellos solicitaron unha ampliación do servizo en canto á súa natureza de servizo público e a mellora da utilidade diaria dos servizos e a fiabilidade deles así como unha revisión das tarifas e abonos ofrecidos.

BNG urxe a ampliar os servizos ferroviarios na Galiza para 2023