CIFP Ánxel Casal

Dende o CIFP Anxel Casal rexeitan a oferta de FP recibida para o vindeiro curso

O Departamento de Servizos Socioculturais e a Comunidade do CIFP Anxel Casal - Montealto, en A Coruña, emitiu un comunicado á Dirección Xeral de Formación Profesional o pasado mércores, 21 de xuño, para manifestar o seu rexeitamento á proposta final de oferta de Formación Profesional para o curso 2023-2024.
Dende o CIFP Anxel Casal rexeitan a oferta de FP recibida para o vindeiro curso
Parada 22_6_2023
Parada para manifestar novamente o rexeitamento á oferta de FP

A Coruña, 22 de xuño de 2023 - Nesta proposta, non se contemplan tres ciclos ofertados este ano en réxime de persoas adultas presencial, todos eles da familia profesional de Servizos Socioculturais e a Comunidade (Integración Social, Educación Infantil e Mediación Comunicativa).

Na reunión mantida o pasado 16 de xuño de 2023, o departamento expresou a súa preocupación e posición respecto a esta situación. Consideran que a oferta de FP para persoas adultas presencial é irremplazable, xa que atende a un perfil de alumnado e cubre necesidades que non se poden satisfacer co ensino a distancia. Estas necesidades refírense a estudantes que se reincorporan ao ensino reglado despois dunha ausencia prolongada e a xóvenes que non conseguiron prazas no réxime ordinario, ambos con necesidade de acompañamento e titorización presencial, respectando as ratios establecidas para esta modalidade.

Ademais, o departamento sinala que a oferta actual non é proporcional ás necesidades do alumnado do centro. A modalidade de ensino a distancia pode ser adecuada para estudantes con determinadas características, como unha alta autonomía na organización do estudo e boas competencias dixitais, pero non reflicte o perfil maioritario dos estudantes do CIFP Anxel Casal.

As características propias dos ciclos da familia profesional de Servizos Socioculturais e a Comunidade requiren diversas actividades que forman parte da dinámica diaria dos ciclos presenciais, como o traballo en equipo, exposicións, dinamizacións, simulacións, socialización en grupo e organización e desenvolvemento de actividades na comunidade.

O cambio proposto na oferta de FP tería consecuencias moi negativas para o centro. O alumnado matriculado na modalidade de persoas adultas presencial veríase obrigado a cambiar á modalidade a distancia antes de rematar os seus estudos ou buscar alternativas no ensino privado. Ademais, habería estudantes que abandonarían os estudos por non axustarse ás súas necesidades e outros que non recibirían o acompañamento educativo necesario, especialmente aqueles con necesidades relacionadas coa súa diversidade e saúde mental.

Por todo isto, o Departamento de Servizos Socioculturais e a Comunidade do CIFP Anxel Casal manifesta o seu absoluto rexeitamento á proposta de oferta de Formación Profesional recibida no centro. Onte, tamén, realizaron unha parada diante das instalacións para expresar novamente o seu desacordo e captar sinaturas do persoal docente e non docente, en apoio á posición do departamento. Estas accións buscan visibilizar a problemática e buscar unha solución que atenda as necesidades dos estudantes do centro.

Dende o CIFP Anxel Casal rexeitan a oferta de FP recibida para o vindeiro curso