eleccións europeas

González Casares subliña que só o PSOE garante en Europa o compromiso cunha Transición Enerxética Xusta

Nunha visita á Rede de Calor de Silleda, o candidato socialista valora a necesidade de facer fronte aos negacionismos climáticos e seguir impulsando proxectos sostibles
González Casares subliña que só o PSOE garante en Europa o compromiso cunha Transición Enerxética Xusta
Visita a Rede de Calor de Silleda
Visita a Rede de Calor de Silleda

Silleda, 27 de maio de 2024. O candidato ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, destacou hoxe que só a papeleta socialista nas próximas eleccións europeas garante que Galicia e Europa sigan avanzando cara ao desenvolvemento sostible e a transición enerxética xusta para todos os cidadáns.

Durante unha visita á rede de calor de Silleda, acompañado pola alcaldesa e deputada no Congreso, Paula Fernández, González Casares fixo fincapé na necesidade de seguir impulsando novos modelos de produción, consumo e almacenamento de enerxía máis limpos e sostibles, co obxectivo de alcanzar a autonomía enerxética tanto en España como na Unión Europea.

O candidato ao Parlamento Europeo puxo a rede de calor de Silleda como exemplo pioneiro en Galicia de aposta por un proxecto enerxético público, transformador e respectuoso co medio ambiente. Este proxecto contou co apoio decidido do Goberno de España, cunha axuda do Ministerio para a Transición Ecolóxica, dirixido pola cabeza de lista do PSOE ás europeas, Teresa Ribera, por máis de 156.000 euros. “Este é o modelo no que cremos os socialistas. Fronte á ameaza do negacionismo climático da extrema dereita e a ambigüidade do PP, precisamos políticas que promovan o desenvolvemento sostible e teñan en conta os límites do noso planeta”, afirmou Casares.

González Casares lembrou tamén que o Pacto Verde Europeo acordado na última lexislatura estableceu compromisos sen precedentes para alcanzar unha Europa máis verde e máis xusta para as futuras xeracións. “Este é o camiño que temos que seguir, un camiño que tamén emprendeu Silleda da man dun goberno socialista”, subliñou o candidato.

González Casares subliña que só o PSOE garante en Europa o compromiso cunha Transición Enerxética Xusta