Queren restituír o sistema universal de préstamo suprimido en 2009

Iniciativas do BNG no Parlamento Galego sobre o fondo solidario de libros de texto para o curso 2017-2018

As nacionalistas apostan por restituír o sistema universal de préstamo suprimido en 2009 como hoxe en día están a reclamar as ANPAs

O Bloque propón nas súas iniciativas que o Parlamento inste a Xunta de Galiza a garantir que o sistema de préstamo de libros permita ao alumnado contar con todo o material necesario ao inicio do curso académico así como avanzar nun sistema universal que abranga, alén do conxunto do estudantado, todos os niveis de ensino obrigatorio

A Coruña, 16 de setembro de 2017. O BNG vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galiza sobre o fondo solidario de libros de texto para o curso 2017-2018.

Iniciativas do BNG no Parlamento Galego sobre o fondo solidario de libros de texto para o curso 2017-2018
Ana Pontón
Ana Pontón

E é que as nacionalistas queren dar o debate no Parlamento a respecto dos prazos establecidos na orde do 16 de maio de 2017, publicada o 22 dese mesmo mes no DOG, da Consellaría de Educación e O.U. onde se xeneralizou o préstamo de libros de texto creado co Fondo solidario ao conxunto ao conxunto do ensino obrigatorio, agás os dous primeiros cursos de Primaria, para o curso lectivo 2017-2018, e onde se estableceu que os prazos fixados pola administración para que as familias coñecerán a listaxe de libros que lles serán emprestados sería dado a coñecer onte, 15 de setembro (4 días despois de se iniciar o curso académico) e, polo tanto, até esa data non se podería facer o encargo daqueles outros que deberán empregarse durante o curso.

“O proceso de tramitación das solicitudes e os actos de xestión das mesmas é, de acordo coa Orde do 16 de maio de 2017, é unha tarefa que corresponde ás direccións dos centros de ensino mais que desenvolven a través dunha aplicación informática fornecida pola Xunta de Galiza que determina, en función da renda familiar, o número de libros que corresponden a cada solicitante. Deste xeito, os prazos previstos poden demorar a adquisición do conxunto do material didáctico até o mes de outubro causando prexuízo ao estudantado que non conte con el durante as primeiras semanas lectivas”, denuncian as nacionalistas.

Con todo, o Bloque lembra que desde o ano 2009 a Consellaría de Educación, en mans do Partido Popular, substituíu o sistema de préstamo universal de libros implantado polo goberno bipartito (2005-2009) por un sistema de cheques axuda dunha contía entre 90 e 190 euros, que progresivamente e que no ano 2014 estas axudas, inicialmente concibidas para a compra de material escolar, foron restrinxidas á adquisición exclusiva de manuais e en 2015, ano electoral, a Xunta iniciou a progresiva implantación dun plan de préstamo semellante ao que suprimira entre enormes críticas en 2009.

Deste xeito o BNG, que aposta por restituír o sistema universal de préstamo suprimido en 2009, como mesmo hoxe en día están a reclamar as ANPAs, quere que a Xunta de Galiza valore o funcionamento do sistema de préstamo de libros baseado no Fondo Solidario e as axudas parciais que prevé, e que se dea conta de que incidencia tivo para as familias galegas con dificultades económicas.

“Queremos que a Consellaría de Educación e O.U. dea conta da contía orzamentaria destinada pola Xunta de Galiza anualmente desde 2009 ás axudas parciais para a adquisición de material escolar e ao Fondo Solidario. E queremos que o Parlamento inste a Xunta de Galiza a garantir que o sistema de préstamo de libros permita ao alumnado contar con todo o material necesario ao inicio do curso académico así como avanzar nun sistema universal que abranga, alén do conxunto do estudantado, todos os niveis de ensino obrigatorio”, conclúen

Iniciativas do BNG no Parlamento Galego sobre o fondo solidario de libros de texto para o curso 2017-2018