Intercambio de experiencias no Matadoiro compostelán

A loita continúa

Veciñas de Coia (Vigo), Elviña (Coruña) e Galeras (Compostela) comparten no Matadoiro compostelán as súas aprendizaxes na defensa do público fronte a apisoadora da administración e a apropiación das cidades polo capital.

A loita continúa
Pilar, no centro, cos veciños de Elviña
Pilar, no centro, cos veciños de Elviña

Erik Dobaño

Un par de horas de que comece o faladoiro, Diego Lores, acusado de agresión a un policía durante as protestas de 2014 en Coia, a súa avogada, Esther Lora, Manolo Sanz, de Baladre, e outros activistas conversan nun café sobre as accións a emprender antes do 17 de xaneiro próximo, data do xuízo contra Diego. Dous anos despois do levantamento de veciñas e veciños do barrio vigués contra o estrago do barco na rotonda, pese a derrota do pobo indignado, a loita debe continuar.

Os feitos que levaron a Diego á bancada ocorreron o 15 de decembro do 2014 en medio dun conflito exacerbado pola represión policial. A mesma represión que días antes, na Coruña, achatou a rebelión das veciñas de Elviña contra o derrubo de casas. “Inda hoxe, se nos movemos para facer un magosto temos alí á policía. A administración é unha apisoadora. Na loita non conseguimos moito, inda que polo menos nós os tres seguimos alí. O que si levamos foron moitos paus, paus da policía”, explica Pilar en nome das familias que resisten en Elviña o acoso de quen os quere botar. “Non son só os políticos, son eles e os que están detrás, os que agora teñen interese nunha zona sen sumidoiros nin beirarrúas, pero a cidade crece e iso é negocio”. En Elviña derrubáronse 50 casas, quedan tres en pé. A loita continúa, pero como?

O Matadoiro en Compostela é un espazo cheo de esperanza para estas xentes de Vigo e da Coruña, un refuxio nesta tarde de chuvia grosa e un exemplo de que hai loitas que si se gañan e tampouco se deteñen. Viñeron ata aquí para estaren xuntos, para ensinar as feridas e compartir o aprendido. Vigo e Coruña, xa se sabe, son cidades duras nas que a Administración, esa apisoadora, ten máis policías que asistentes sociais. En Santiago as loitas, a da recuperación da antiga casa da xuventude ou a das veciñas de Galeras fronte a especulación co espazo público, teñen un gusto doce. Gañaron. Aquí gañaron a pelexa legal e evitaron os paus. “Mais tamén os corpos se resenten”, din María e Mila, “aquí descubrimos as carencias de cada un, o que costa organizarse e encontrar unha visión común. Precísase tempo, implica desgaste, esforzo e cartos”. 

Esta era “una casa fea”, din. “O máis difícil foi cambiar a percepción social deste edificio que non era querido. Conseguiuse que a xente pensara dunha forma distinta respecto do que é público, que é noso, de todas”. 

Nos tempos do abuso sistemático e impune os gobernos locais foron podrecendo pola corrupción como en Compostela; noutros sitios mudaron, coma na Coruña (polo de agora “só boas palabras”, advirten as de Elviña); noutros reforzáronse como en Vigo, “onde os menos buscan ocupar o espazo de todos cos seus negocios”, apunta Diego, “e entregan parte da xestión municipal a empresarios como Florentino Pérez”. Son os límites do cambio, que non chega.

Faría falta un táctico, pero quen compareceu no Matadoiro foi un humanista. Manolo Sanz traduciu á linguaxe da nova academia as prosaicas loitas nas rúa. Inevitablemente apelou ao 15-M, ao apoio mutuo, aos espazos vividos como propios, a ese anhelo de resistir calquera institucionalización. Mais con iso non chega. 

Como continuar a loita cando se ten identificado o inimigo, mesmo as súas tácticas, e sufrido os seus paus? E cando os que prometeron cambialo todo seguen sen mudar ren? Agora que os binomios partido-sindicato animan a volver a rúa da que a maioría desertaron fai dous anos, as preguntas seguen aí.

Desde a plataforma de veciñas do barrio de Galeras, contan que o manual do movemento social está nas rúas, no punto cero dunha parada de bus, por exemplo; que dá igual empezar dous ou tres corpos, que hai que mirar arredor, ao que queda do tecido asociativo para atopar aliados, e mirar tamén atrás, á historia dos lugares, aos seus símbolos, a vellas loitas que souberon converter pequenas rebelións en asuntos da axenda cidadá; e que no día a día xorden necesidades e demandas novas, coma a da casa da luz para a que piden unha rehabilitación, ou mesmo un centro de día e por que non aproveitar a antiga facultade e denunciar que basta xa de regar cos cuartos de todos albergues privatizados. “Sentín coma se volvéramos ao Santiago dos anos setenta daquel forte movemento veciñal”, expresou Encarna Otero. A plataforma veciñal de Galeras reúnese cando toca nun local da parroquia, coma naqueles anos.

A campaña para apoiar a Diego no xuízo no que lle piden 3 anos e medio de cárcere e 30.000 euros de multa empezou onte en Compostela, e continuará o próximo mes por todo o país. As veciñas de Elviña ou as de Galeras estarán con el na loita que se chama: “Quérennos soas, terannos en común”.


Nesta ligazón podedes ler o manifesto de apoio a Diego Lores: https://diegoabsolucion.wordpress.com/2016/12/03/first-blog-post/

A loita continúa