Memoria Histórica

O PP non quere quitar aos Franco de Meirás

O Parlamento rexeita unha iniciativa de En Marea para cambiar a lei estatal de Memoria Histórica e facilitar a recuperación pública do Pazo de Meirás.

O PP non quere quitar aos Franco de Meirás
IMG-20170509-WA0006-min
Membros da CRMH o martes no Parlamento Galego.

Este martes celebrouse no Parlamento de Galicia un breve debate sobre a posibilidade de que a cámara galega elevase aos lexisladores españois unha proposta de modificación da lei estatal de Memoria Histórica, de 2007, para facilitar a recuperación pública do Pazo de Meirás, en mans da familia Franco desde que en 1938 fora espoliado e entregado ao xeneral sublevado polas autoridades do novo réxime.

Polo de agora non haberá reparación da legalidade nin xustiza coas vítimas nin dignidade democrática sobre aquel triste e traumático episodio. Impediuno o Partido Popular, que designou ao deputado César Fernández Gil, deputado pola provincia de Ourense, licenciado en Filosofía pola USC, asesor de política cultural na Deputación de Ourense entre 2013 e 2015, para expor os argumentos do partido –fundado por ex franquistas– contra a iniciativa de En Marea.

O PP apoiara en xuño do ano pasado un texto de repulsa ao franquismo na cámara galega. Mais non fai nada por darlle contido a esas declaracións institucionais. E usa as maiorías parlamentarias alí onde as ostenta para frear calquera medida real de recuperación da memoria.

César Fernández Gil apelou desde o estrado ao principio de “seguridade xurídica” como garante do “dereito á propiedade privada” para criticar a redacción da proposta de En Marea desde o punto de vista xurídico. Nun exercicio de pedantería parlamentaria, o deputado acudiu ao concepto de deconstrución de Derrida e a tipoloxía amigo/inimigo de Carl Schmitt para “desmontar” a argumentación da iniciativa e xustificar o voto contrario do seu grupo. Non conseguiu nin unha cousa nin outra. Ficou en evidencia a súa fatuidade e demostrou que o PP non ten ningún interese en “desmontar” o franquismo máis alá de baleiras declaracións institucionais.  

A proposta de En Marea foi rexeitada con 39 votos en contra do PP diante dos 34 a favor que sumou a oposición.

votacion-min

A oposición puxo os cualificativos á situación de Meirás. “O Pazo é o botín dun delincuente ás luces do mundo enteiro”, un símbolo “da submisión indebida”, dixo o deputado do BNG Xosé Luís Rivas. “Agora está probado que a cesión do Pazo de Meirás a Franco foi froito dun espolio”, sinalou a socialista Concepción Burgo. Mentres, o autor da proposición, Antón Sánchez, de En Marea, recordáballe ao deputado do PP que “os lexisladores estamos aquí para mudar as leis que nos deixaron, para facer leis que axusten á legalidade á xustiza”.

Nunha comparecencia de prensa posterior, a CRMH da Coruña, que apoiaba a iniciativa, recordou que unha de cada catro leis en vigor no Estado foron ditadas durante a ditadura franquista.

É a segunda iniciativa de Memoria Histórica que o PP rexeita este ano no Parlamento galego. A principios de marzo, os votos da maioría frearon unha proposición do BNG para impulsar unha lei de Memoria Histórica galega que, entre outras cuestión, propoñía a creación dunha comisión da verdade.


 

O PP non quere quitar aos Franco de Meirás