Mañá, mércores, concentración contra as violencias machistas no Obelisco ás 20:00h

O Concello condena o crime de Monte Alto e solicita que sexa abordado como delito de violencia de xénero

O Concello da Coruña expresa a súa máis enérxica condena ante o crime perpetrado esta madrugada no barrio de Monte Alto, onde unha veciña foi asasinada nun caso que, segundo os primeiros indicios, parece apuntar a unha situación relacionada coa violencia machista.

O Concello condena o crime de Monte Alto e solicita que sexa abordado como delito de violencia de xénero
CrimeMonteAlto
Minuto de silencio ás portas do Pazo de María Pita, en sinal de repulsa e en apoio á familia e persoas achegadas á vítima

O Concello, seguindo o acordo da moción plenaria aprobada en outubro de 2015, convida tamén á cidadanía a participar na concentración contra as violencias machistas que será convocada polo movemento feminista un día despois da publicación en prensa escrita do asasinato.

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, indica que, á espera de coñecerse todos os detalles que envolven este feminicidio, "cremos que o caso debe ter a consideración de violencia de xénero". Por outro lado, a responsable municipal manifestou "a total disposición do Concello e os seus corpos de seguridade" a colaborar para o esclarecemento deste crime, se ben o asunto está a ser tratado polo Corpo Nacional de Policía.

O Concello ponse a disposición da familia da vítima, especialmente da súa filla -nai da menor que se viu implicada no suceso- e ofrecerá á afectada asistencia xurídica e psicolóxica, seguindo o protocolo establecido para os casos vinculados ás violencias machistas.

"As violencias machistas exprésanse de xeitos moi diversos, non só co asasinato de mulleres que é a súa expresión máis horrenda, senón tamén coa utilización dos e das menores que son transformadas en meros obxectos de vinganza, cos que seguir afondado no terror contra ás mulleres", recordou a titular de Igualdade, quen manifestou a preocupación do goberno municipal polo feito de que o crime de Monte Alto estea relacionado cun suceso destas características. "Por isto, precisamente, consideramos necesario, á espera do avance da investigación, que se lle dea un tratamento de violencia de xénero", engadiu a concelleira.

Comentarios
O Concello condena o crime de Monte Alto e solicita que sexa abordado como delito de violencia de xénero