Galiza Nova | nota de prensa

Galiza nova presenta Campaña 8 de marzo 2023

Erea Blanco, Responsable Nacional de Mulleres: “Nun contexto de crise como o actual agudízanse aínda máis as desigualdades, sendo as mulleres as que sufrimos fortemente as consecuencias” 

Galiza nova presenta Campaña 8 de marzo 2023
8M 2023
8M 2023

Galiza, 20 de febreiro de 2023.- Galiza Nova, vén de lanzar a campaña do 8 de marzo baixo o lema “Traballadoras galegas en pé. Actuar agora por un futuro digno.” co obxectivo principal de visibilizar como as mozas galegas sofren as consecuencias da crise actual cunha maior intensidade.

A organización xuvenil do BNG pretende reivindicar a orixe obreira que caracteriza a esta data poñendo o foco na precariedade e no papel das mulleres traballadoras na engrenaxe do sistema así como nas formas de loita das mulleres no mundo laboral..

“As mozas galegas debemos visibilizar como ao custo da vida e á precariedade laboral que vivimos temos que sumar a conciliación coa vida, cos coidados e coas tarefas historicamente socializadas como femininas.” sinalou Erea Blanco, Responsable Nacional de Mulleres da organización. “Debemos falar tamén da necesidade de estar sindicadas e da importancia da loita obreira para a consecución de dereitos para as traballadoras galegas” engadiu.

A campaña dá comezo este luns, e contará cunha parte exclusiva de redes sociais coas que Galiza Nova pretende visibilizar situacións que “diariamente vivimos as mozas galegas” mediante infografías que mostran a realidade laboral das mulleres, e unha parte externa con actos e actividades abertas para “dotar de ferramentas ás mozas para loitas contra o patriarcado e concienciar da necesidade de mobilizarse e loitar”.

“Foron moitas as loitas que vivimos na Galiza iniciadas por mulleres, mais tamén na actualidade e no noso contexto seguimos atopando fitos referenciais na loita obreira e feminista...”, apuntou Erea. “É neste punto no que queremos conectar, desde a mocidade nacionalista, coas mozas galegas. Somos moitas as que loitamos polo que debera ser noso, por unha conciliación digna, pola equiparación das categorías salariais e pola destrución dos estereotipos asociados aos traballos historicamente coñecidos como de mulleres” engadiu Blanco. “Seguimos en pé porque aínda nos queda moito por loitar, cada día e non só o 8M, debemos actuar agora por un futuro digno, para defender a nosa vida” sentenciou.

A campaña culminará o propio día 8, día internacional da muller traballadora, coa participación nas mobilizacións que se convoquen dende o movemento feminista galego. “Animamos a todas a mocidade a participar das actividades da campaña, a coñecer a súa realidade para poder combatela e a saír con nós ás rúas neste vindeiro 8 de marzo” instou Erea.

Galiza nova presenta Campaña 8 de marzo 2023