VIOLENCIA DE XÉNERO

A Marea Atlántica insta ao goberno local a cumprir as obrigas recollidas na Ordenanza de Igualdade do Concello da Coruña

O compromiso coa igualdade e os feminismos non pode quedar só en palabras: debe demostrarse con feitos e políticas públicas efectivas.
A Marea Atlántica insta ao goberno local a cumprir as obrigas recollidas na Ordenanza de Igualdade do Concello da Coruña
25N2018
25N2018

A Coruña, 22 de novembro de 2023. É por iso que a Marea Atlántica insta ao goberno local a cumprir as obrigas recollidas na Ordenanza de Igualdade do Concello da Coruña, que foi impulsada durante o mandato de Xulio Ferreiro (2015-2019) e que formou parte dos acordos asinados entre a Marea Atlántica e o PSOE para facer posible a investidura de Inés Rey no ano 2019.

Dende a entrada en vigor da ordenanza, o 25 de outubro de 2019, ata a actualidade, son múltiples os incumprimentos por parte do actual executivo. Non se ampliaron os recursos para as vítimas de violencias machistas, non se introduciron cláusulas de igualdade na contratación municipal nin nas convocatorias de subvencións, non se convocou o Consello Local de Igualdade para dar participación ao movemento feminista na elaboración de políticas municipais de igualdade, non se convocou a comisión de seguimento da Ordenanza, entre outros exemplos.

Por todo isto, dende a Marea Atlántica instamos ao goberno local a dar cumprimento ás obrigas recollidas na Ordenanza Municipal de Igualdade do Concello da Coruña. Consideramos que o compromiso coa igualdade e os feminismos non pode quedar só en palabras, senón que debe demostrarse con feitos e políticas públicas.

Os concellos son a administración máis próxima e son moitas as accións que o goberno local podería desenvolver para avanzar na igualdade. Algúns exemplos serían reforzar o Centro de Información ás Mulleres (CIM), o Centro de Orientación Familiar (COF) e a Casa de Acollida ás Mulleres (CAM), así como incrementar o orzamento municipal asignado para o ano 2024.

Do mesmo xeito, tanto o Goberno do Estado español como o Goberno da Xunta deben incrementar o financiamento ás entidades locais para que poidan levar a cabo as súas políticas de igualdade de xeito efectivo.

O 25 de novembro é o día no que denunciamos as diversas violencias machistas que existen: violencia física, sexual, económica, institucional, obstétrica, entre outras. Tamén reivindicamos a necesidade de articular medidas efectivas para rematar con todas estas formas de violencia machista. Este ano, a necesidade é máis urxente, xa que estamos a presenciar a creación de novos gobernos municipais conformados por membros da extrema dereita que negan abertamente a existencia destas violencias.

Por último, queremos convidar a todas as persoas a participar na manifestación que será convocada polos colectivos feministas na cidade o vindeiro 25 de novembro, Día Internacional de Eliminación da Violencia contra a Muller. É necesario que todas e todos nos sumemos á loita pola igualdade e poñamos fin á violencia machista.

A Marea Atlántica insta ao goberno local a cumprir as obrigas recollidas na Ordenanza de Igualdade do Concello da Coruña