Informe da CIG sobre o mercado de traballo feminino

Non, esta igualdade non era a que buscabamos

Os datos indican que as fendas salarial, de taxas de ocupación e actividade entre sexos vanse reducindo polo empeoramento das condicións do mercado masculino, segundo advirte o sindicato.

Non, esta igualdade non era a que buscabamos

“Levamos anos denunciando as precarias condicións laborais das mulleres con empregos a tempo parcial e temporais, con contratos de escasa duración, moitas veces sen contrato, con salarios moi baixos; e hoxe en día (…) vemos que tamén o colectivo masculino está sufrindo estas condicións laborais, igualándose así ás que padecen as mulleres”, arranca o informe da CIG sobre a situación das mulleres no mercado laboral, presentado a semana pasada.

Igualdade, para que?, cuestionan a relatora, Natividad López, desde o título. “Non era esta a igualdade que buscabamos”, respóndense.

O informe ten 15 páxinas e ofrece numerosos datos sobre a evolución das condicións laborais, as taxas de actividade, ocupación e desemprego, os salarios e as cotizacións desde os primeiros anos da crise até hoxe. Pódese consultar nesta ligazón: http://www.cig.gal/nova/margarida-corral-as-mulleres-non-queriamos-igualarnos-en-precariedade.html

A continuación resumimos a situación da muller e o traballo en Galiza en tres gráficas e os comentarios ao respecto delas publicados no informe.

  contratación mulleres 2016. G1

  • > No ano 2008 o 18,2% das mulleres traballaban a xornada parcial; en 2016, o 22%. O medre das xornadas parciais non se debe a unha opción persoal; o 61% das mulleres con estas xornadas alegan como motivo non atopar un traballo a xornada completa (no ano 2009 eran o 46%). Antes da crise, as xornadas parciais utilizábanse máis como sistema de conciliación, mais agora non nolo podemos permitir. Simplemente non temos fillos/as.

  • > A deterioración das condicións laborais das empregadas vai máis alá das xornadas parciais, ao combinárense estas con contratos temporais e de moi escasa duración.

  • > Máis grave que a cativa porcentaxe de contratos indefinidos é a escasa duración dos temporais, xa que o 32% destes duraron menos dunha semana. Esta porcentaxe sería maior se coñeceramos a duración dos indeterminados, que (…) son unha porcentaxe elevada, o 29,6% durante 2016.

  • > Se o abano o estendemos ata o mes de duración, alcanzariamos o 44,2% de todos os contratos. Ou o que é o mesmo, o 44,2% dos contratos duran menos dun mes.

contratación de mulleres 2016. G2

  • > Globalmente, desde o ano 2009, reduciuse o salario medio anual das mulleres en Galiza en 93 euros (un 0,6% menos). Mais este descenso débese ao forte incremento de mulleres con ingresos inferiores á metade do SMI, é dicir, con ingresos inferiores a 1.804 euros anuais, entre as cales, así mesmo, descendeu o salario medio.

  • > Aumenta o número de mulleres con ingresos inferiores á metade do SMI e descende o salario medio destas. Pola contra, descende o número de asalariadas con ingresos superiores e medra fortemente o seu salario medio. Como consecuencia disto, cada vez está máis polarizado o mercado de traballo feminino.

  • > A perda de ingresos procedentes do traballo afectou a ambos os sexos, pero aínda que o salario medio anual descendeu para homes e mulleres, a caída foi maior no caso destes, o que acurta as diferenzas, aínda que non pola mellora dos ingresos salariais das mulleres, senón polo maior descenso dos homes.      

  contratación mulleres 2016. G3

  • > Estímase que no ano 2016 aínda hai 101.600 persoas en situación de desemprego máis que no ano 2009, logo de 4 anos de descenso continuo. No último ano descendeu en 28.000 persoas, descenso semellante tanto entre as mulleres como entre os homes.

  • > Desde o inicio deste período, aumentou máis o desemprego entre os homes que entre as mulleres (con todo, medrou nos dous sexos). Así, de media en 2016, estímase que hai máis homes en situación de desemprego que mulleres. Neste caso xa non é que se acurten as diferenzas, senón directamente que os homes superan as mulleres. Outra vez é a crise a que nos iguala. Así, a taxa de paro feminina no ano 2008 era 3 puntos superior á masculina, e hoxe esa distancia viuse reducida a 1,3 puntos (16,5% a masculina, 17,8% a feminina).

  • > Non só medra o número de mulleres paradas, senón tamén o tempo en que permanecen nesta situación.

O informe conclúe subliñando que a redución da fenda entre homes e mulleres desde o inicio da crise nos diferentes indicadores do mercado de traballo debeuse a maior precarización das condicións laborais no caso dos homes, aínda que para as mulleres tamén empeoraron.


 

Non, esta igualdade non era a que buscabamos