Os Mallos
O barrio dos Mallos e Sagrada Familia precisa un mellor servizo de autobuses urbanos
As obras que se fixeron na Avenida de Arteixo incorporando o carril Bici, eliminaron prazas de aparcamento. Ante iso os veciños piden un mellor servizo de transporte público. Neste sentido a Concelleira Mercedes Queixas do BNG manifestouse no Pleno do Concello, expresando ao Goberno Municipal que atenda as demandas veciñais, para dar un servizo moi necesario e poder avanzar cara unha cidade mais sostible.
Para iso as veciñas están recollendo firmas. Xa máis de 500 persoas asinaron demandando este servizo, e esperan recoller moitas máis.
Pódese asinar nas tendas de Avenida de Arteixo: Centro Óptico Breogán, Mercería Atrapasueños, Clínica Estrella, Frutería A Campiña.
E aquí o escrito que dirixen á Señora Alcaldesa e á Concelleira de Infraestruturas.
A/A Sra. Dª Inés Rey García (Alcaldesa de A Coruña)
A/A Sra. Dª. Nereida María Canosa Domínguez (Concelleira de Innovación, Movilidad e Infraestructuras)
Os abaixo asinantes solicitan a creación dunha liña de autobús que dea servizo ao barrio da Sagrada Familia e o comunique co centro da cidade e co polígono da Grela.
– Entendemos que o futuro da nosa cidade é un novo modelo urbano máis humano, peonil e sostible, con menor circulación de automóbiles. Mostra diso son as obras de remodelación do cruzamento da Avenida de Arteixo con Sagrada Familia, onde se creou unha contorna moito máis accesible pero na que se eliminou moito espazo de aparcamento nun barrio con gran densidade de poboación e na que a maioría dos edificios carecen de garaxes, por iso sería necesario reforzar a zona cun maior servizo de transporte público. Nestas mesmas obras creouse unha beirarrúa especialmente ancha entre os números 72 e 76 da Avenida de Arteixo que ben se podería utilizar como parada de bus.
– Non pretendemos que a liña 11 se traslade do seu paso pola Avenida dos Mallos, xa que comprendemos as necesidades dos nosos veciños pero, do mesmo xeito que no barrio dos Mallos, a poboación da Sagrada Familia está cada vez máis envellecida e carecen de medios de transporte público próximos para poder desprazarse a outros puntos da cidade.
– Solicitamos a creación dunha liña de bus adicional á liña 11 ou a recuperación da antiga liña 10 que chegaba de Porta Real, pero que en vez de percorrer a Avenida dos Mallos debería facelo pola Avenida de Arteixo e continuar ata o Polígono da Grela, e ruta inversa (preferiblemente chegar ata o Hospital Abente e Lago). Consideramos que a creación desta liña serviría tanto a usuarios do centro para chegar ao Polígono da Grela (traballadores do parque empresarial como consumidores da área comercial) como aos veciños dos barrios Sagrada Familia-Os Mallos-Estación para chegar as súas citas médicas tanto no ambulatorio dos Mallos como no Hospital Abente e Lago sen ter que coller o seu coche particular.