FALAMOS CON RICARDO SEIXO, PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN VECIÑAL “AGRA”

Ricardo Seixo: “Todo é posible se queremos, pero hai que querer”

Acompañamos a Ricardo, Presidente da Asociación Veciñal “AGRA” da Agra do Orzán, nun paseo polo barrio. Aproveitamos para que nos conte cales son as reivincacións da Asociación en relación coas necesidades existentes.
 

Ricardo Seixo: “Todo é posible se queremos, pero hai que querer”
Ricardo Seixo, Presidente de la Asociación Veciñal Agra
Ricardo Seixo, Presidente de la Asociación Veciñal Agra

Camiñamos pola rúa Páramo en dirección ao Parque da Agra ou Parque do Observatorio.

Ricardo, cales son as reivindicacións que fai a Asociación Veciñal para o barrio?

Temos unha chea de reivindicacións, moitas delas reclamadas hai unha morea de anos e que seguen aí como se estiveramos a falar cunha parede.

Estou a me referir ao Parque do Observatorio que levamos reclamando hai máis de vinte anos. Vivimos nun dos barrios máis populosos da cidade e non podemos desfrutar dunha soa zona verde. O Parque do Observatorio é unha débeda que a cidade da Coruña ten –a través do Concello– con este barrio e non imos parar na esixencia de que se nos pague, goberne quen goberne.

Que considerades que hai que facer no Parque do Observatorio?

Queremos que todo o terreo que aí hai, incluído o Campo da Burra, se transforme en zona verde e de lecer para uso e desfrute dos veciños e veciñas do barrio. Diferentes problemas de carácter administrativo están a obstaculizar este proxecto e consideramos que o Concello segue sen asumir a responsabilidade e o compromiso necesarios para que a situación mude e se poña a andar.

Sabemos que estamos a falar dun proxecto que require unha moi importante inversión, mais tamén sabemos que se fan inversións importantes noutros barrios (túnel do Parrote) e ao noso nunca lle toca. Semella que os veciños e veciñas da Agra non paguemos os impostos.
Coido que somos o único barrio da cidade que non ten unha zona verde na que podérmonos xuntar e convivir.

A xeito de brincadeira… poida que a solución estea en pintar de verde a rúa Barcelona…

Seguimos a camiñar e entramos na rúa Barcelona (o noso espazo de convivencia) falando doutros temas.

Que pasa co Muíño da Agramela, que tamén é unha reivindicación antiga do barrio?

Cómpre lembrar que este muíño retirouse do barrio no ano 1984, sendo alcalde da cidade Francisco Vázquez. Numeráronse as súas pedras co compromiso de o volver traer para o barrio e depositáronse na Parque de Santa Margarida. Foi moitos anos máis tarde o goberno do Partido Popular o que as trasladou ao Parque de Bens, onde, segundo a nosa información, seguen a día de hoxe.

Co actual goberno municipal falamos en diferentes ocasións a respecto do retorno do muíño, de facer pública a información existente sobre o mesmo, de posibles ubicacións… mais pasan os anos e nada parece se mova no Pazo Municipal… e nós a agardar.

En calquera caso a postura da asociación Veciñal é clara: o muíño levouse do barrio e ao barrio ten que volver. Para donde? Entendemos que o mellor lugar, sen dúbida, é o Parque do Observatorio.

Outro problema máis reciente é o do retorno do Monumento aos Liberais. Que pasa con este tema?

Teño que me repetir ao afirmar que descoñecemos na Asociación Veciñal cal vai ser o destino deste monumento. Cando o PP nos agasallou co “atentado urbanístico” da Praza das Cunchiñas, retiraron este monumento e non contemplaron a súa reubicación na propia praza, que sería – ao noso entender – o máis normal. Mais como a normalidade vai resultar que é un ben escaso, atopámonos coa mesma situación que co Muíño da Agramela: nin apareceu o monumento nin parece que o teñamos que agardar, de momento.

Cómpre dicir aquí que resulta complicado ubicar calquera tipo de monumento no noso barrio debido a que o Concello só nos aporta como espazo de uso público, rúas, agás a Praza das Cunchiñas. Esta é a realidade dramática que padecemos e nin así consideran os diferentes gobernos municipais a urxencia do Parque do Observatorio.

Parece que houbo un cambio nos lindes do barrio. En que consiste e como foi?

Cando no 2015 se produce o cambio de goberno municipal encetouse un proceso de reordenación da cidade en distritos ao que fomos convidados a participar, e así o fixemos. Despois de varias xuntanzas o goberno municipal, pola súa conta, decidiu o que considerou oportuno e como consecuencia o noso barrio quedou incluído no distrito 9, cuns límites que van da Rda. de Outeiro polo sur á Rda. de Nelle polo norte, e da Avda. de Peruleiro polo oeste á Avda. de Fisterra polo leste. Disto enterámonos hai pouco. A información despois da participación foi nula.

Chegamos á Praza das Cunchiñas. Ricardo, parece que hai novidades con esta praza. Cóntanos.

O que nos fixo nesta praza o PP foi un “monumento ao formigón” coa disculpa de facer un aparcadoiro. Segundo isto, a experiencia obríganos a estar alerta co Concello xa que cada vez que se decide a intervir no barrio acostuma a crear máis problemas que os que resolve. Temémonos que nesta ocasión poida pasar o mesmo.

A que me estou a referir? Nós, desde o primeiro momento, pedímoslle ao actual goberno municipal unha intervención na praza para intentar recuperala para os veciños e veciñas. Consideramos que a intervención que se pretende facer agora vai crear máis problemas dos que vai resolver. Valoramos positivamente a ampliación do espazo para xogos de nenos e nenas, o resto do proxecto parécenos un despropósito pouco meditado e moi lesivo para o conxunto do barrio.

Esta nosa postura cónstalle por escrito ao Concello e a eles corresponde tomar as decisións pertinentes. A realidade é que se o proxecto municipal vai adiante tal e como se nos presentou, a Praza das Cunchiñas deixará de ser o espazo que agora andamos a utilizar para eventos colectivos (FoliAGRA e outros), vai seguir sen se resolver o problema dos aseos públicos, a ubicación de aparellos para a ximnasia de maiores vaise facer para saír do paso e cando chova ou aprete o sol seguiremos sen ningún tipo de solución.

Sentados nunha terraza perto da Praza das Cunchiñas seguimos a falar sobre o barrio, agora de proxectos que ten en marcha.

Ricardo, hai uns anos que a asociación fai un control das rúas ao que chamades “Ruando pola Agra”. Cóntanos en que consiste.

Este é un traballo que empezamos a facer hai catro anos. Necesitabamos coñecer a situación do barrio a nivel de servizos e consideramos que o mellor xeito de o facer era coñecendo a situación de cada unha das rúas.

É así que grazas ao esforzo dun colectivo dunhas vinte persoas vimos facendo un seguimento rúa a rúa, que nos permite cada mes de outubro presentarlle ao Concello un informe-petición detallado das necesidades de todo o barrio.

Este proxecto de traballo busca implicar á maior cantidade de veciños/as posible. O ideal sería que en cada rúa houbera unha persoa que se encargara de informar da problemática existente. Fago, xa que logo, un chamamento a todos aqueles que queren mellorar o barrio a que se apunten ao proxecto e se poñan en contacto coa Asociación Veciñal. Entre moitos seremos quen de conseguir un barrio mellor.

Dá resposta o Concello a estas necesidades?

De momento ao escrito que cada ano presentamos nunca nos respostou, mais cómpre dicir que as obras que se fixeron nos últimos anos todas estaban recollidas nesas nosas demandas.
Neste senso, o goberno municipal ten os seus criterios en canto á participación dos veciños e veciñas, e está no seu dereito de os ter. A participación e a valoración das Asociacións Veciñais en canto entidades representativas dos veciños e veciñas non parecen estar entre as súas preferencias.
Mais algo non debe andar ben no Concello cando diferentes Concelleiros/as teñen afirmado descoñecer as nosas demandas, cando falamos de documentos presentados no rexistro municipal.

Ricardo, fálanos agora sobre a seguridade e a limpeza no barrio.

Nós defendemos o criterio de que todos os barrios da cidade son igual de importantes xa que en todos viven veciños e veciñas que pagan os seus impostos. Segundo isto os servizos municipais teñen que ser do mesmo nivel. Na Coruña isto non é así e debemos facer público o seguinte:

  1. A limpeza é moi mellorable no noso barrio.
  2. A sensación de seguridade, en función da presenza da policía local no barrio, non existe.
  3. É necesario que o Concello actúe de oficio para facer cumprir as normas municipais existentes e sabemos que non o fai.

Isto xera:

  • Que o lixo se deposite fóra do horario establecido.
  • Que os excrementos dos cans sexan un problema en todas as beirarrúas.
  • Que se aparque en dupla fila, mesmo en rúas como a Agra do Orzán, creando problemas de tránsito graves.
  • Que se aparque en zonas de carga e descarga obrigando aos repartidores a ocupar zonas peonís.

Parécenos que é necesario recuperar a figura da “policía de barrio”. Entendemos necesario o feito de que haxa uns policías locais movéndose polo barrio todos os días para lembrarnos á veciñanza as normas que posibilitan a convivencia e o respecto colectivo.
Debo dicir, no referente a seguridade, de que nos chegaron queixas á Asociación de veciños e veciñas da zona da Praza das Cunchiñas e rúas próximas, a respecto de roubos de carteiras e de movementos relacionados co tráfico de drogas. Estes feitos que, segundo a veciñanza, xa coñece a policía, seguen a se producir cada día. É perfectamente normal, xa que logo, certa sensación de inseguridade no barrio.
En resumo, ou se fai cumprir a lei ou se elimina. Permitir o incumprimento xera sensación de inseguridade en quen cumpre e neglixencia permanente en quen non o fai.

Unha vez tratados os distintos temas que afectan ao barrio, adentrámonos nas actividades que desenvolve a Asociación. Sabemos que tedes unha chea delas.

Si, é certo que temos unha oferta de actividades moi ampla, tanto que xa non podemos ampliala por falta de horario.
Intentamos que respondan á demanda que nos fan os veciños e veciñas. Xeralmente empezan en setembro e rematan en xuño. Nos meses de xullo e agosto, aínda que hai algunhas que continúan, a maioría interrómpense. A maioría son estables e fanse no local veciñal.
Hai outras actividades que son ocasionais (presentación de libros, cursos, conferencias…) e outras que facemos fóra do local: FoliAGRA, saídas culturais, sendeirismo, festivais (Ferrados de Letras e Por amor á palabra)…

Destas últimas gosto destacar a FoliAGRA porque é un evento que está pensado para desfrute de todo o barrio e na rúa. Son as nosas FESTAS DO BARRIO. Até agora vímola facendo no mes de xuño, unha fin de semana. Este ano, por mor do mal tempo, farémola nos días 15 e 16 de setembro. Nesta celebración intentamos que a nosa cultura, a través da música tradicional alague o barrio e nos faga sentir pobo e medrar como tal.

O proxecto para nós debería ser máis amplo e podería selo se veciños/as, comerciantes, hostaleiros… se implicaran nel. Neste camiño deberemos traballar para conseguirmos unhas FESTAS que fagan do barrio un referente na cidade.

Como conseguides desenvolver tanta actividade? Ou é que sodes milleiros na Asociación?

Oxalá foramos milleiros. Somos un colectivo de persoas que entendemos a vida veciñal desde a implicación en proxectos colectivos. A Asociación cumpre a función de ser o punto de encontro no que diferentes colectivos desenvolven actividades en función das súas capacidades e intereses. Os grupos de traballo son abertos e calquera persoa pode integrarse neles para aportar, para sumar.

Precísase máis participación veciñal?

A participación veciñal sempre é pouca. Vivimos un modelo de sociedade no que a participación directa non se incentiva. Moi pola contra anímase á participación a través das redes, a pasmonear e crer no que nos dín a través da “caixa tonta”(TV)… en definitiva, a sermos fieis domesticados polos que utilizan o poder que, lamentablemente, mesmo nós lles damos. A tendencia actual é a “arranxar” os problemas na taberna ou na cafetería. O debate de ideas e a loita pola xustiza social e a dignidade das persoas tan só é o traballo duns cantos raros/as.
Se somos quen de rachar con isto e cremos en nós como colectivo, o barrio, máis axiña que tarde, andará e desfrutaremos do barrio que arelamos.

Se o que agardamos é que sexan outros os que decidan por nós seguiremos como até agora. Iso si, máis contentos porque na taberna fomos quen de arranxar os problemas para que todo seguira igual.

Dentro desta chamada á participación quero referirme a todos e cada un dos colectivos do barrio, á marxe do sexo, raza, relixión ou xeito de pensar. A Asociación Veciñal é de todos e todas e para todos e todas, e está para intentar enfrontar e resolver os problemas colectivos que se nos poidan presentar.

Esta é a tarefa e do compromiso colectivo depende.

Comentarios
Ricardo Seixo: “Todo é posible se queremos, pero hai que querer”