EntreNós

Imprimir

Primeira xuntanza das afectadas pola ampliación do CHUAC con Villoslada

Redacción | 06 de febrero de 2020

Xuntanza afectadas CHUAC Concelleiro de Urbanismo
Xuntanza afectadas CHUAC Concelleiro de Urbanismo

Pasou xa unha semana dende que souberamos polos medios de comunicación, e por un vídeo que circulaba polas redes sociais, que unha parte do barrio ía ser derrubada e expropiada, eliminando 23 vivendas para ampliar sobre elas o CHUAC, e seguimos sen ter ningunha información oficial ó respecto.

Onte pola noite houbo a primeira xuntanza con un representante dun organismo oficial co grupo de persoas afectadas e coa asociación veciñal de Eirís. Juan Villoslada, Concelleiro de Urbanismo, infraestruturas e mobilidade achegouse ó local da Asociación Veciñal para ter un primeiro contacto.

A xuntanza programouse para esa data porque estaba previsto que Xunta e Concello tivesen unha primeira xuntanza técnica o martes. Segundo se nos informou, esa xuntanza foi posposta pola Xunta, polo que seguimos sen saber nada máis aló do que levamos vendo nos medios dende o día 29 de xaneiro.

Aproveitamos o encontro para facerlle chegar as nosas peticións, as inquedanzas, a nosa necesidade de información por parte de Xunta e Concello, e as nosas propostas para poder axudar a que a ampliación sexa o menos lesiva para o entorno, tanto polas expropiación como pola derivación da maioría do tráfico cara Eirís, aumentando as expropiacións ata poder chegar a cerca de 50, para realmente non resolver nada, xa que seguiría facendo un tapón sen saída.

Como veciñas e afectadas seguimos esixindo ás administracións competentes que nos informen do proxecto, e que se senten a valorar o resto de opcións. Hai terreo suficiente para facer a reforma sen expropiar á veciñanza de Eirís as súas vivendas.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/actualidade-coruna/primeira-xuntanza-das-afectadas-pola-ampliacion-do-chuac-co-concelleiro-urbanismo/20200206094754009031.html


© 2020 EntreNós