As desigualdades da muller na saúde

A resposta política á crise económica foron, por unha banda, unhas brutais políticas de austeridade que reduciron o gasto social e sanitario e por outra unhas reformas laborais que desregularizaron o mercado laboral precarizando o emprego.

COF VENTORRILLO2
COF VENTORRILLO2

O recorte do gasto público, o retroceso de políticas de bienestar social e o impulso de reformas laborais precarizadoras do emprego está a ter fortes efectos negativos nas condicións de vida e na saúde da poboación. E, nesta sociedade cada vez maís desigual, as mulleres, especialmente aquelas que pertencen á clase traballadora forman uns dos colectivos máis perxudicados.

A precariedade laboral está relacionada directamente con un empeoramento das condicións de vida e da saúde das persoas. E así, como o emprego precarizado (alta temporalidade, baixos ingresos, falta de recoñecemento…) é un fenómeno altamente feminizado, son as mulleres as que están sufrindo un maior impacto negativo sobre a súa saúde.

Como consecuencia dos importantes recortes en servizos sociais e dependencia, que dificultan ou impiden o acceso e a cobertura de servizos de coidado e protección ás persoas maiores ou dependentes, os traballos de coidados tiveron que ser reasumidos polas familias. As mulleres son as que, principalmente, están a soportar esta intensificación do traballo de coidados e doméstico non remunerado, que ten un efecto moi negativo na saúde das coidadoras polos problemas físicos, psíquicos e sociais asociados ás altas esixencias das cargas de coidados.

Por último, os recortes sanitarios de corte ideolóxico ultraconservador están a afectar a programas e dispositivos dirixidos e destinados principalmente á saúde integral das mulleres, retornado a atención á muller, considerándoa como obxecto reprodutivo, aos problemas do embarazo e do parto.

É exemplo claro e cercano destas políticas a supresión da praza de xinecoloxía do Centro de Orientación Familiar do Ventorrillo, que pon en risco de desatención no eido da saúde afectivo-sexual ás mulleres (as súas parellas e a súas familias) que viven na cidade da Coruña e nos 32 concellos da área sanitaria coruñesa dependentes deste Centro.

Coa desculpa da recesión económica téñense perdido moitas oportunidades de manter e reforzar as políticas de bienestar e de introducir a perspectiva de xénero en todas as políticas, pero ao remate o que temos perdido en maior medida é igualdade de xénero e saúde, sendo as mulleres as máis perxudicadas.

Comentarios