O BNG propón nunha moción que as obras nos barrios sexan precedidas de consultas coa veciñanza e insta o goberno local a dialogar coas persoas residentes nas Casas de Franco

A formación nacionalista defende a necesidade de informar e consultar á veciñanza antes de iniciar as obras nos barrios
O BNG propón nunha moción que as obras nos barrios sexan precedidas de consultas coa veciñanza e insta o goberno local a dialogar coas persoas residentes nas Casas de Franco

A Coruña, a 4 de marzo de 2024. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reforza a súa posición a favor das obras que promovan a rexeneración dos barrios, incluíndo un plan para este fin nos orzamentos municipais do ano 2024. Non obstante, o partido subliña a importancia de que estas actuacións sexan precedidas por consultas e información á veciñanza afectada.

O portavoz nacionalista en María Pita, Francisco Jorquera, presentará unha moción no Pleno do vindeiro xoves 7 de marzo para destacar a importancia da transparencia e participación cidadá nas intervencións urbanísticas. "Na negociación dos orzamentos fixemos fincapé na necesidade de contemplar un plan ambicioso de actuacións nos barrios. Porén, non é só importante facer. É tan importante o como e para que se fai. É por iso que as actuacións nos barrios deben ir acompañadas da necesaria información, consulta e transparencia", sinala Jorquera.

A moción pon como exemplo negativo o proxecto de reurbanización do espazo público da Área de Rehabilitación e Rexeneración Urbana do Ventorrillo-Casas de Franco. Alega que as veciñas e veciños non foron debidamente informados previamente sobre as características concretas do proxecto e que non se abriu un proceso de diálogo e consultas para valorar as súas demandas. Jorquera critica que as reunións só se realizaron despois de ter un proxecto acordado e que, ata o momento, nin a alcaldesa nin o concelleiro de Economía e Planificación Urbana responderon á solicitude dunha xuntanza formulada polas persoas afectadas.

As demandas da veciñanza das Casas de Franco, que poderían ter enriquecido o proxecto con consultas previas, están respaldadas por 1.133 sinaturas, subscritas pola maioría das persoas empadroadas nas casas afectadas, os propietarios de negocios na zona e outros veciños e veciñas do contorno, destaca Jorquera.

A moción busca instar ao Goberno Local a cambiar a súa forma de proceder, esixindo información, consulta e transparencia coa veciñanza antes de emprender obras nos barrios. No caso das Casas de Franco, demanda un proceso de diálogo para consensuar correccións que garantan a accesibilidade universal na área de intervención, coa eliminación de barreiras e perigos relacionados co illamento visual.

O BNG propón nunha moción que as obras nos barrios sexan precedidas de consultas coa veciñanza e insta o goberno local a dialogar coas persoas residentes nas Casas de Franco