Eleccións Galicia 2020

Mercedes Queixas visita o Feirón de Sada e remarca a aposta do BNG por "un comercio local, sostíbel e vinculado á economía do país"

A candidata número 3 do BNG pola provincia da Coruña nas eleccións do vindeiro 12 de xullo, Mercedes Queixas, visitou o tradicional feirón de Sada acompañada da concelleira de Promoción Económica, Turismo e Emprego, a tamén nacionalista Laura Rodríguez Pena. Canda elas estivo tamén o número 6 da candidatura, o sadense Carlos Babío.
Mercedes Queixas visita o Feirón de Sada e remarca a aposta do BNG por "un comercio local, sostíbel e vinculado á economía do país"
IMG-20200620-WA0004
Merceces Queixas no Feirón de Sada

A concelleira nacionalista explicou sobre o terreo as medidas adoptadas en Sada para reactivar o feirón dos sábados logo do periodo de parón derivado da crise da Covid19. Ao tempo, ambas falaron con numerosos comerciantes e veciños sobre a necesidade de continuar a potenciar o comercio local xa que, como asegurou Queixas ,"os comerciantes de proximidade son o sangue que circula polas arterias das nosas vilas e cidades; dando vida ás nosas rúas, xerando emprego de calidade, dinamizando a produción do país e ofrecendo un trato ao consumidor impensábel para as grandes multinacionais".

Queixas indicou que "diante dunha situación tan crítica como a que están a pasar os autonómos vinculados ao comercio e a alimentación, faise preciso un goberno galego que estexa á altura, que planifique e traballe man a man co sector para que este non quede atrás diante dos cambios nos hábitos e formas de consumo que se producen na sociedade". Nese sentido Laura Rodríguez Pena sinalou que "falamos de xente que quere progresar, innovar e medrar, e nesa loita por adaptarse aos novos tempos, dende a administración local vemos que están en inferioridade de condicións fronte a un goberno autonómico que, liberalizando horarios e autorizando grandes superficies comerciais, non fai máis que dificultar a pervivencia dun sector fundamental dende o punto de vista económico pero tamén social para a vida de concellos coma Sada".

Mercedes Queixas visita o Feirón de Sada e remarca a aposta do BNG por "un comercio local, sostíbel e vinculado á economía do país"