Bordo litoral

O alcalde lamenta a falta de “avances substanciais” por parte de Puertos del Estado tras o cambio de goberno no Estado

Ferreiro reprocha ao Goberno de Sánchez, tras a súa primeira xuntanza coa presidenta do ente portuario, que este “non sexa consciente da relevancia que ten para a cidade a recuperación dos terreos portuarios”

O edil Xiao Varela, quen tamén participou na reunión, considera que “o executivo do Estado está a apostar por dar continuidade aos acordos asinados en 2004”

O alcalde lamenta a falta de “avances substanciais” por parte de Puertos del Estado tras o cambio de goberno no Estado

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, cualificou de “improdutiva en canto a resultados” a xuntanza que esta xornada mantivo en Madrid coa presidenta de Puertos del Estado, Ornella Chacón, na que tamén estivo presente o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela. O rexedor indicou que, se ben a reunión foi longa e se desenvolveu nun clima de cordialidade, non se rexistrou ningún “avance substancial” que derive en que se garanta tanto a titularidade como os usos públicos dos peiraos interiores da cidade que se vaian desafectando. “Máis alá da vontade de flexibilizar os prazos de amortización da débeda da Autoridade Portuaria, que nada soluciona, Puertos del Estado parece seguir ancorado en 2004como se non houbese cambio de goberno”, indicou. “Volvo coa sensación de que o goberno de Pedro Sánchez non ten o porto da Coruña na súa axenda nin na súa cabeza. Ou ben a cidade da Coruña non está entre as súas prioridades, ou ben non é consciente do que supón a recuperación dos terreos portuarios para o noso futuro”, evidenciou. “Agardo que isto cambie. Non abonda con dicir que todo o que fixo o goberno de Rajoy estaba mal ou que o protocolo con Feijóo era papel mollado dende o primeiro día. Iso xa o sabiamos. O que demanda a cidade da Coruña son compromisos concretos”, manifestou o alcalde. Ao fío, recordou os acordos aprobados tanto polo Pleno como polo Parlamento de Galicia que avogan pola revisión dos convenios urbanísticos do 2004, que abrían a porta á especulación cos terreos portuarios, así como á constitución dun consorcio ou entidade pública que xestione a importante bolsa de solo do bordo litoral, ou a aplicación de medidas tales como a condonación da débeda da Autoridade Portuaria da Coruña ou a aplicación de axudas equivalentes que eviten que se poidan vender terreos que son patrimonio de toda a cidadanía para favorecer a amortización dunha débeda derivada, en gran medida, da construción do porto exterior de Punta Langosteira.

O titular de Rexeneración Urbana, pola súa banda, manifestou a súa sorpresa ante a actitude amosada por Puertos del Estado, que esta mesma semana referendou o plan de empresa do porto coruñés, que mantén os convenios de 2004. “No PSOE, ou non falan entre si, ou non se entenden. Cada interlocutor desautoriza ao anterior e en cada Parlamento votan unha cousa distinta”, subliñou. “Con todo, e lamentablemente, parece que en Madrid semellan telo máis claro, e están a apostar pola continuidade do escenario 2004 e a venda dos terreos portuarios”, apuntou.

O que serve para Valencia semella non servir para o porto da Coruña. E mentres tanto, os convenios urbanísticos de 2004 seguen no mesmo sitio, o plan de empresa da Autoridade Portuaria segue a planificar a venda de terreos portuarios, a comisión de seguimento dos convenios segue sen convocarse, o ministro de Fomento evita A Coruña nas súas visitas a Galicia e da conexión ferroviaria a Punta Langosteira nada se sabe”, reflexionou o edil. “Non obstante, o goberno local da Coruña ten moi claro cal é o mandato da cidadanía neste sentido, e vai a seguir traballando por garantir que o bordo litoral sexa unha oportunidade para esta cidade, unha oportunidade xestionada de forma pública e con usos públicos”, explicou.

O alcalde lamenta a falta de “avances substanciais” por parte de Puertos del Estado tras o cambio de goberno no Estado