Ampliación do CHUAC

Goberno da Coruña e Consellería de Sanidade coordinarán esforzos na ampliación do CHUAC

O alcalde, que esta tarde se reuniu co conselleiro Jesús Vázquez Almuíña, destacou que a vontade de colaboración do Concello “é toda, tendo en conta que o crecemento do complexo hospitalario é un asunto de grande importancia para a cidade e a súa área metropolitana, ademais dunha oportunidade tanto para o sector sanitario como para a Universidade”

Goberno da Coruña e Consellería de Sanidade coordinarán esforzos na ampliación do CHUAC
20181024 Xuntanza alcalde Sanidade
Jesús Vázquez Almuíña e Xulio Ferreiro, na xuntanza

A Coruña, 24 de outubro de 2018.- O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reuniuse esta tarde co conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Almuíña, co que acordou a creación dunha comisión bilateral entre as dúas administracións que faga seguimento desde o primeiro momento do proceso de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (Chuac).

O rexedor considerou precisa a constitución inmediata dun equipo de traballo que poida “avaliar o progreso, dende os estadios iniciais nos que se atopa, e manter a coordinación ante unha proposta que pode ter moita relevancia para o sistema sanitario da cidade pero tamén para outros sectores como o da investigación ou o universitario”. Na xuntanza deuse xa o primeiro paso para a constitución deste órgano, que consistiu en designar ao concelleiro de Rexeneración Urbana da Coruña, Xiao Varela, e ao director xerente do Chuac, Luis Verde, como responsables da activación dunha comisión que tamén deberá dar cabida ao sentir dos sectores do ámbito sanitario, a Universidade e á propia cidadanía, no avance do proxecto de ampliación do complexo sanitario.

A delegación coruñesa, na que, ademais do alcalde e o concelleiro Varela se atopaba a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, puxo de relevo que tanto Concello como Xunta comparten “filosofía e obxectivos con este proxecto”. “A nosa colaboración e cooperación será a máxima, xa desde este estadio incipiente do proxecto, coma sempre que falamos dun asunto de cidade. A ampliación do Chuac é un tema de grande importancia polo servizo que presta o equipamento, tanto á Coruña como á área metropolitana en tanto a área sanitaria que abrangue”, comentou o primeiro edil, que fixo fincapé nas “oportunidades que supón para o sector sanitario e para a Universidade da Coruña (UDC), neste caso dende o punto de vista da investigación”. Así, no marco da xuntanza, tanto representantes do Concello como da Xunta trazaron unha primeira panorámica sobre as posibilidades de crecemento do complexo hospitalario.

Goberno da Coruña e Consellería de Sanidade coordinarán esforzos na ampliación do CHUAC