transporte metropolitano
O BNG denuncia no Parlamento a crítica situación do transporte metropolitano na comarca da Coruña
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2024 - Na súa intervención, destacou as graves carencias do servizo, especialmente nas liñas que conectan os concellos de Sada e o norte de Oleiros coa cidade da Coruña, recollendo as queixas constantes das persoas usuarias que se ven afectadas polas sucesivas reorganizacións das rutas.
Segundo explicou Taibo, dende xuño deste ano, a Xunta implementou unha serie de cambios no servizo, destacando a introdución das chamadas "lanzadeiras", autobuses que paran na Valexa, un punto intermedio entre Sada e Oleiros. Esta reorganización, xustificada pola Xunta como unha “racionalización”, está a xerar longas esperas, que poden chegar ata os 40 minutos, nunha zona pouco urbanizada e sen infraestruturas, o que dificulta o transbordo, especialmente para persoas con problemas de mobilidade ou aquelas con pouco tempo dispoñible.
A situación empeorou durante o verán, a pesar das reiteradas protestas dos usuarios e dos concellos de Sada e Oleiros. De feito, a comezos de agosto creouse a *Plataforma polo Transporte Público Digno e a Recuperación das Liñas da Costa de Sada-Oleiros-A Coruña*, que aglutina as demandas cidadás e municipais ante os problemas do servizo. Porén, a deputada do BNG lamentou que as pequenas modificacións realizadas pola empresa concesionaria non resolveron a situación e afirmou que "a única interesada nestes cambios é a propia concesionaria".
Taibo dirixiu a súa intervención ao Conselleiro de Presidencia e responsábel da área de Mobilidade, Diego Calvo, preguntando que medidas pensa tomar o Goberno galego para obrigar á empresa concesionaria a mellorar o servizo e garantir os dereitos das persoas usuarias.
Máis aló da problemática en Sada e Oleiros, Taibo subliñou que as deficiencias no transporte metropolitano afectan a toda a comarca coruñesa. As queixas inclúen atrasos frecuentes, falta de información, vehículos inapropiados para o tipo de desprazamentos e unha programación de liñas e frecuencias que non responde ás necesidades reais da cidadanía. Ademais, a saturación dos autobuses é tal que, en moitas ocasións, quedan viaxeiros nas paradas por falta de espazo.
Coincidindo co inicio do curso escolar e o retorno á rutina laboral de moitas persoas, a deputada convidou ao conselleiro Calvo a comprobar de primeira man a realidade do servizo, instándoo a "achegarse á Ponte da Pasaxe ás 8 da mañá para verificar a urxencia dun transporte público axeitado ás necesidades das usuarias e usuarios”.
As limitacións do actual servizo, que non está deseñado para conectar de xeito eficiente os principais centros de traballo e de lecer da comarca, están obrigando a moitas persoas a optar polo vehículo privado, co consecuente impacto negativo tanto no medio ambiente como na mobilidade da zona.
Finalmente, Taibo lembrou que o deber da administración pública é velar polo correcto funcionamento dos servizos, e instou á Xunta a priorizar a mellora do transporte metropolitano, xa que afecta diariamente a milleiros de persoas na comarca coruñesa.