terrazas

O BNG insta ao Goberno Local a vixiar o cumprimento das ordenanzas de terrazas e ruídos

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentará no primeiro Pleno ordinario de setembro a preocupante falta de vixilancia por parte do Goberno Local no que respecta ao cumprimento das ordenanzas municipais, especialmente as relacionadas coas terrazas e os ruídos.
O BNG insta ao Goberno Local a vixiar o cumprimento das ordenanzas de terrazas e ruídos

A Coruña, 31 de agosto de 2023-  A concelleira do BNG, Avia Veira, expresou a necesidade de abordar esta cuestión nun esforzo por garantir a normal convivencia na cidade.

"Recibimos numerosas queixas da veciñanza sobre a falta de cumprimento das ordenanzas municipais, especialmente aquelas que regulan as terrazas e os ruídos. É por iso que levaremos este asunto ao primeiro Pleno ordinario de setembro, que se celebrará o vindeiro xoves 7 de setembro", anunciou Avia Veira.

Veira expresou a súa alarma polo incumprimento reiterado das regulacións en materia de terrazas e ruídos, alegando que esta situación afecta negativamente á convivencia na cidade. "Escandalízanos tanto o incumprimento das ordenanzas como a actitude indulxente e pouco vixilante do Goberno Local", engadiu.

A concelleira subliñou que cando o Goberno Local non garante o cumprimento das normativas, pode dar lugar á percepción de que non existen límites, o que ten implicacións tanto no que respecta á invasión do espazo público como ao exceso de ruído.

"É fundamental asegurar unha convivencia saudable e dar prioridade á accesibilidade universal ao espazo público. As veciñas e veciños deben poder exercer o seu dereito de transitar polo espazo público sen obstáculos, coa liberdade de movemento que lle asiste, sen interferir no tránsito de vehículos de emerxencia e sen que os portais das vivendas estean invadidos", explicou Veira.

A concelleira sinalou que é imprescindible que o Goberno Local actúe para garantir o cumprimento das ordenanzas e para asegurar unha convivencia harmoniosa na cidade, respectando os dereitos dos peóns e asegurando un ambiente de descanso sen ruídos molestos.

"O Goberno Local parece non estar consciente desta situación, e mesmo dá a impresión de que non lle presta atención. De feito, nos últimos tempos observamos a ampliación dos horarios dos establecementos hostaleiros e a tolerancia da instalación de terrazas que non se axustan aos criterios de accesibilidade universal nin de paso de vehículos de emerxencia", denunciou Veira.

Dado que Avia Veira considera que o Executivo de Inés Rey non está ao tanto da situación, a súa pregunta oral no Pleno será a seguinte: "O Goberno Local ten coñecemento das ordenanzas municipais vixentes?"

O BNG insta ao Goberno Local a vixiar o cumprimento das ordenanzas de terrazas e ruídos