BNG | nota de prensa

O BNG pregúntalle ao goberno local sobre os retrasos na apertura do complexo deportivo do Castrillón

“É irracional un modelo onde hai piscinas municipais de xestión directa e outras cuxa explotación está concesionada”

O BNG pregúntalle ao goberno local sobre os retrasos na apertura do complexo deportivo do Castrillón
Francisco Jorquera
Francisco Jorquera

A Coruña, a 16 de marzo de 2021.- Continúan a se acumular os retrasos sobre os prazos anunciados para a apertura –o último era en teoría o mes de marzo- do complexo deportivo do Castrillón, polo que o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, acaba de rexistrar unha pregunta por escrito ao Goberno Local.

Nesta iniciativa o voceiro nacionalista non só se interesa por coñecer os motivos da demora na entrada en funcionamento do complexo, senón que critica que a esta altura o Goberno Local non tomara unha decisión definitiva sobre se a xestión das instalacións será concesionada ou, pola contra, dependerá directamente do Concello.

“A xuízo do noso grupo municipal, a xestión directa é a que mellor asegura a optimización das instalacións existentes e un acceso a elas en condicións de equidade”, considera Jorquera, quen xulga “irracional” un modelo “como o actual onde hai piscinas municipais de xestión directa e outras cuxa explotación está concesionada”.

Modelo tan irracional trae como consecuencia, ilustra Jorquera, “que haxa unha piscina olímpica cuberta na Casa da Auga á que practicamente non se saca partido, con situacións tan absurdas como que esa instalación e as bancadas de espectadores dependan de distintas empresas concesionarias”.

Lembra o BNG que o Pleno do Concello aprobou o 2 de xullo de 2020 unha moción, que incorporaba un punto a proposta do grupo municipal nacionalista, en que se instaba o Goberno Local a “estudar a viabilidade da xestión directa das instalacións deportivas municipais, nomeadamente do Centro Deportivo do Castrillón e do Complexo Deportivo Municipal de San Diego”.

É máis: nunha comisión de Deportes realizada o 11 de xuño de 2020 o Goberno Local argumentaba que as condicións do complexo facíano pouco atractivo para a iniciativa privada e que, por tanto, a xestión directa parecía a máis adecuada.

“Resulta, pois, incomprensíbel que nove meses despois siga sen estar decidido o modelo de xestión”, censura Jorquera. Facéndose eco da denuncia feita pola Asociación Veciñal Castrillón-Urbanización Soto IAR, o portavoz do BNG en María Pita critica tamén que, pese a que a obra xa está practicamente rematada, o complexo continúa a carecer de elementos básicos –maquinaria, equipamentos, persoal contratado- para a súa apertura.

Por todas estas razóns, o BNG pregúntalle ao Goberno Local cando vai decidir o modelo de xestión do complexo, cal é o motivo polo que aínda non existe unha data fiábel de apertura e a que se debe que as instalacións carezan aínda dos elementos necesarios para se poren en marcha.

O grupo municipal nacionalista inquire tamén o Goberno Local se ve xustificábeis os retrasos acumulados e por que non se informa á veciñanza sobre as condicións para o desfrute das instalacións -ignórase o prezo dos futuros abonos-.

O BNG pregúntalle ao goberno local sobre os retrasos na apertura do complexo deportivo do Castrillón