BNG | nota de prensa

Celemín volve ser incapaz de lle pór data á presentación da demanda para recuperar a Casa Cornide

Celemín volve ser incapaz de lle pór data á presentación da demanda para recuperar a Casa Cornide e di agora que en realidade Buonarroti empregou 8 anos na Capela Sixtina
Celemín volve ser incapaz de lle pór data á presentación da demanda para recuperar a Casa Cornide
Francisco Jorquera
Francisco Jorquera

Lage admite que a aplicación da Ordenanza do Galego está a ser “asimétrica e desigual” e anuncia unha “avaliación en detalle” e mudanzas na sinaléctica para procurar a súa homoxeneización

A Coruña, a 2 de xuño de 2022. Michelangelo Buonarroti empregou 4 anos en pintar os frescos da bóveda da Capela Sixtina, entre 1508 e 1512, e Francisco Jorquera preguntoulle hoxe ao concelleiro de Memoria Histórica, Jesús Celemín, se o Goberno Local demoraría máis en presentar a demanda para recuperar a titularidade da Casa Cornide, espoliada durante a ditadura franquista.

Na resposta, volveuse ver un Celemín incapaz de lle por data á presentación da demanda. No canto de situar na axenda ese momento, o concelleiro de Memoria Histórica afirmou que Buonarroti investiu até 8 anos en completar o seu traballo na Capela Sixtina, pois alén de pintar os frescos da Bóveda tamén se ocupou da parede do altar “onde se plasmou o xuízo final”, obra na que traballaría desde 1537 até 1541.

Ou sexa, un total de 8 anos, “de modo que me dá tempo sobrado para presentar a demanda”, dixo Celemín. 

O BNG preguntaralle non pola totalidade do traballo de Buonarroti na Capela Sixtina, senón especificamente polos 4 anos investidos na pintura dos frescos da bóveda. Celemín respondeu por elevación, o seu horizonte aparentemente non son os 4 anos polos que se interesaba Jorquera, senón xusto o duplo, 8. Ou sexa, que se presentará a demanda en calquera momento entre este 2022 e 2027.

Polo demais, Celemín, como xa fixera en plenos anteriores, optou por responsabilizar o BNG da non formulación até o de agora de iniciativas para recuperar a Casa Cornide.

Así, o concelleiro de Memoria Histórica afeoulle ao BNG que non emprendese ningunha acción durante os anos (2007-2011) en que partillou responsabilidades de goberno en María Pita. Mais Jorquera lembroulle que o BNG nunca presidiu a Corporación: “O inicio das accións legais en nome do Concello é unha decisión da Alcaldía”, precisou.

Celemín afirmou que é o goberno de Inés Rey o primeiro en formular a posibilidade de encetar un procedemento ante os tribunais para lograr a restitución da Casa Cornide, mais omitiu dicir que foi instado a actuar nese sentido cando no primeiro pleno deste mandato, en setembro de 2019, foi aprobada unha moción do BNG.

E desde aquela, nada, o Goberno Local foi incapaz de anunciar unha data concreta de interposición da demanda, a pesar de que –remarcou Jorquera- desde decembro de 2020 o Executivo coruñés dispón dun informe xurídico favorábel á presentación desa acción perante os tribunais.

Avia Veira
Avia Veira

Ordenanza do Galego

Por súa parte, o portavoz do Goberno Local, José Manuel Lage, admitiu que o grao de cumprimento da Ordenanza do Galego está a ser “asimétrico e desigual”.

Interpelado ao respecto por Avia Veira, Lage afirmou: “Estivemos moitísimos anos sen Ordenanza do Galego, o que constituía unha anomalía absoluta. Son entendíbeis as queixas. A implantación ten un cumprimento maioritario, mais seguro que vostede pode atopar espazos onde esa normativa aínda está por materializase”.

Lage anunciou que se lle daría un “novo impulso”. “Teremos reunións. Non queremos fuxir dun compromiso que temos co BNG. Faremos unha avaliación en detalle. Durante 2022 impulsaremos mudanzas na sinaléctica para que haxa unha homoxeneización de acordo coa Ordenanza”.

Celemín volve ser incapaz de lle pór data á presentación da demanda para recuperar a Casa Cornide