Marea Atlántica | nota de prensa

O goberno local négase a poñer límites á apertura de casas de apostas na Coruña

En xaneiro apoiou unha proposta da Marea Atlántica para regular a presenza de locais de xogo preto de equipamentos sociais sensibles. Agora, rexeitan empregar as competencias urbanísticas do Concello para facelo
O goberno local négase a poñer límites á apertura de casas de apostas na Coruña
Iago Martínez no pleno
Iago Martínez no pleno

PSOE e PP suman votos para impedir que o Pleno reprobe o comportamento de Juan Carlos de Borbón

A Coruña, 2 de xuño de 2022.- A Marea Atlántica lamenta que o goberno local se negase hoxe, na resposta a unha pregunta oral do noso grupo, a tomar medidas para limitar a apertura de casas de apostas na Coruña, a pesar de recoñecer que son un problema. En xaneiro apoiaran a nosa moción cunha proposta concreta para facelo a través das competencias urbanísticas co Concello. Agora, rexeitan actuar. “Non é certo que teñamos que esperar a unha lei autonómica para establecer limitacións desde o municipal, hai concellos en todo o Estado que xa tomaron medidas, como Pamplona. E teñen informes xurídicos que os respaldan, pero tamén vontade política”, sinalou o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez

Hai dúas semanas presentamos un mapa colaborativo que sitúa as casas de apostas e terminais de xogo na cidade, que xa foi completado grazas á iniciativa cidadá. Sinala 32 locais de apostas, o 85% dos cales están a menos de 400 metros dun centro escolar, sanitario ou deportivo. Hai casos vergoñentos, coma o Codere situado case na porta do instituto Eusebio da Guarda. “Se o PSOE quere, podemos iniciar mañá mesmo a negociación do cambio da normativa urbanística e chegar a unha moratoria para a apertura das novas casa de apostas. O que non podemos facer é seguir sen limitar a súa presenza”, argumenta Iago Martínez. 

Os datos son alarmantes: a Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados (Agalure) sinala que a media de idade para iniciarse nas  apostas deportivas, tanto presenciais coma on-line, era de 19 anos en 2020, e a maioría das solicitudes de axuda que recibiu a entidade chegaron de persoas menores de 25 anos enganchadas ás apostas deportivas. E que teñen nas terminais dos bares a súa principal porta de entrada ao mundo do xogo. E o último informe do Plan Nacional Sobre Drogas, con datos de 2019 e 2020, amosa que existen no Estado 670.000 persoas con problemas de ludopatía, das que o 44% son menores de 26 anos. 

A Coruña podería ser pioneira en Galicia na loita contra a couza do xogo, pero o goberno local rexeita empregar as súas competencias. 

Neste Pleno tamén preguntamos pola recuperación da estratexia de infraestrutura verde, que leva anos gardada nun caixón mentres o goberno local amosa o seu desinterese polas políticas ambientais. E polas medidas que pensa tomar o executivo para defender ao persoal de conserxería das instalacións deportivas municipais, a quen a empresa concesionaria lles debe parte dos salarios desde hai meses. En ambos os dous casos a resposta foi a mesma: non fan facer nada.

No caso do persoal de servizos complementarios das instalacións deportivas, o goberno limitouse a enviar un requirimento á empresa Serviplus SL en abril, e quedou cruzado de brazos. Iso a pesar de que a resposta da empresa foi denunciar ás traballadoras e traballadores polas súas mobilizacións. 

PP e PSOE suman votos para defender a Juan Carlos de Borbón

Lamentablemente, foi rexeitada a nosa moción para reprobar o comportamento de Juan Carlos de Borbón, que na súa recente visita a Sanxenxo estivo moi lonxe do que cabería agardar dun ex xefe de estado. Reclamábamos que se lle retirasen as honras na Coruña, así como o cambio da Constitución para evitar a figura dun monarca inviolable e irresponsable. E que ten máis interese en competir en regatas que en dar explicacións. PP e PSOE votaron en contra. 

O concelleiro Alberto Lema denunciou que "os poderes públicos están a inhibirse de investigar e pedir responsabilidades a Juan Carlos de Borbón. En democracia, non deberían existir persoas que estean por enriba da lei. Non hai folla de parra que tape estas vergoñas".

Resultou aprobada a nosa moción en apoio ás folgas do sector do metal, que reclaman que os seus salarios se incrementen ao mesmo nivel que o IPC e que se subroguen os empregos. Unha proposta que xa trasladaramos á Deputación da Coruña e que recolle os intereses de 16.000 traballadores e traballadoras na provincia. Como sinalou o concelleiro Alberto Lema, “non se pode consentir que as empresas pretendan repercutir o custo da vida no lombo da clase traballadora, e menos ca nunca cando están a amasar beneficios históricos”. 

Finalmente, realizamos un rogo oral para pedirlle ao goberno local que escoite as demandas da ANPA da Escola Infantil Municipal A Caracola e se coordine coa Xunta de Galicia para igualar o número de horas de ensino infantil gratuito que se ofrece desde a rede municipal e a autonómica.

O goberno local négase a poñer límites á apertura de casas de apostas na Coruña