Comercio de barrio

O Concello apoia con 126.000 euros o comercio de barrio

A Concellería de Emprego e Economía Social vén de resolver tamén unha convocatoria dirixida a entidades públicas ou privadas que desenvolvan proxectos de promoción económica no municipio

O Concello apoia con 126.000 euros o comercio de barrio
O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema
O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema

Concello da Coruña | 17/08/2018

A Concellería de Emprego e Economía Social vén de resolver a convocatoria destinada ao financiamento de proxectos de mellora, modernización e dinamización do comercio de barrio durante o ano 2018. En total, serán 13 as asociacións e federacións locais vinculadas ao comercio de proximidade as que recibirán unha suma que ascende a 126.500 euros para a posta en marcha, no presente exercicio, de distintas propostas e actividades.

A convocatoria especificaba a contía máxima da subvención para cada proxecto en 20.000 euros no caso das federacións e de 8.000 euros para asociacións, o que supuxo, neste último caso, un incremento de 3.000 euros respecto á pasada edición. Tal e como apunta o concelleiro Alberto Lema, responsable da área municipal de Comercio, esta ampliación supuxo tamén "unha subida da media das axudas concedidas ás entidades" por parte da área que dirixe, "ao pasar a obter, en boa parte dos casos, de 3.000 ou 4.000 euros a un total de 8.000 euros, o que favorece a propia acción e dinamización do tecido comercial de proximidade".

As propostas foron concedidas por medio dun proceso de concorrencia competitiva, de xeito que cada entidade solicitante presentou unha memoria do ou dos proxectos a realizar. Un tribunal de avaliación, que incluíu un membro escollido polo propio sector comercial, foi o responsable da revisión das iniciativas seguindo criterios como a calidade e rigor da descrición das accións na propia memoria, o uso e potenciación da lingua galega nas actividades, o compromiso ambiental no desenvolvemento da acción ou mesmo a inclusión da perspectiva da diversidade. O xurado tamén tivo presente a consolidación do proxecto ou que este sexa impulsado a través da colaboración de distintas entidades. Para optar ás axudas, nas que se podían obter até 13 puntos, o mínimo que se estableceu foi de 3 puntos. Deste xeito, todas aquelas entidades que non acadaron este mínimo resultaron excluídas do proceso final. Ademais, en relación aos criterios vinculados ás asociacións e federacións comerciais, a Mesa de Avaliación valorou o número de comercios de proximidade vinculados á entidade así como a representación equilibrada de mulleres e homes na composición da súa xunta directiva.

As asociacións comerciais cuxa iniciativa foi valorada positivamente e, polo tanto, resultan beneficiaras das axudas para o desenvolvemento dos seus proxectos son as seguintes: Asociación de Empresarios Distrito Picasso, coa actividade Día da nai: regalo de abanicos (8.000 euros); Agrupación de Veciños e Comerciantes de Monte Alto, que obtivo 8.000 euros para o Parque infantil e campaña de Nadal; Asociación Empresarios e Comerciantes de Matogrande, con Monsterchef e parque infantil (8.000 euros); Asociación Gran Área Comercial Riazor, que acadou 8.000 euros para desenvolver Gastrotapas 2018 e talleres de cociña saudables; e a Asociación Veciños e Comerciantes da Falperra, que celebrará a 6ª edición doDía do Comercio na rúa e outros con 7.500 euros. Tamén obtiveron 8.000 euros a Asociación de Empresarios de A Grela (Compra no barrio da Grela), Asociación Comercial e Empresarial Cidade Antiga (Actividades culturais e gastronómicas da Feira da Cervexa Artesá), Asociación de comerciantes e empresarios Boulevard Elviña (Parque infantil e campaña de nadal Papá Noel XL), Asociación Comerciantes Distrito Mallos (Xestión tarxeta fidelización cliente amigo e promoción de vendas soletes dos Mallos) e a Asociación Zona Comercial Obelisco (Noite branca 2018). Xa no caso das federacións, o Concello outorgou axudas por valor de 20.000 e 19.000 euros á Federación Unión de Comercios Coruñesa (para a iniciativa Comerciopoly 2018) e á Federación de entidades empresarias do comercio da Coruña (para O noso comercio pinta moito), respectivamente.

Subvencións entidades empresariais

Por outra banda, a Concellería de Emprego e Economía Social resolveu tamén esta semana as subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro e de carácter empresarial para o desenvolvemento de proxectos de promoción económica no termo municipal, para as que se destinaron un total de 50.000 euros. Establecéronse tres liñas subvencionables --Innovación, Internacionalización e Fomento da Economía Social--, cun máximo de 15.000, 10.000 e 15.000 euros por proxecto ou actividade, respectivamente. Porén, a Concellería que dirixe Alberto Lema só recibiu a proxectos vinculados ás dúas primeiras --dos cales só un estaba relacionado coa liña deInternacionalización--, de xeito que o importe total destinado ás axudas de Fomento da Economía Social acumulouse integramente en Innovación. Así, as entidades que resultaron beneficiarias de ditas subvencións, dentro da liña de Innovación, foron as seguintes: Asociación de Empresarios de Hostelería da Coruña (Novos sistemas de organización baseados na innovación aplicados á hostalería), con 15.000 euros; a Asociación de Jóvenes Empresarios de A Coruña  AJE (InNova a túa peme), con 14.972 euros; e a Confederación Empresarios Coruña (Instrumentos para a dixitalización da empresa), que recibe 10.028 euros. Xa na liña de Internacionalización, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña obtén un total de 10.000 euros para a posta en marcha da quinta edición de Exporpemes.

Comentarios
O Concello apoia con 126.000 euros o comercio de barrio