Prevense fortes ventos e fenómenos costeiros para as próximas xornadas

O Concello pon en alerta a todos os seus servizos de emerxencias ante a previsión de temporal

Os corpos municipais de seguridade chaman á cidadanía a evitar as zonas próximas á costa, que poderán sufrir restricións de tránsito –tanto rodado como peonil– desde esta noite e ata o domingo en función da evolución da borrasca

O Concello pon en alerta a todos os seus servizos de emerxencias ante a previsión de temporal
temporal
Evitar as zonas próximas á costa

Concello da Coruña | 01/02/2017

Os servizos municipais de emerxencias están desde hoxe en alerta ante as previsións meteorolóxicas, que contemplan a partir desta noite episodios de fortes ventos, aos que sucederá unha borrasca de ventos intensos e chuvias xeneralizadas, con ondas que poderían acadar os oito metros de altura na tarde de mañá, xoves. O dispositivo establecido, que implica á totalidade dos servizos de prevención e seguridade municipais -Policía, Bombeiros e Protección Civil-,  activarase esta mesma xornada, aínda que con especial atención ao día de mañá -a partir das 18.30 horas e ata a media noite- e o venres pola tarde, cando están previstas as condicións meteorolóxicas máis adversas e cando se extremarán as medidas de seguridade. Dese xeito, é previsible que a partir de mañá, xoves, o Paseo Marítimo poida sufrir cortes de tráfico e quedar pechado ao tránsito peonil, restricións que poderán afectar a outros recintos e espazos próximos á costa, como o aparcadoiro da Casa dos Peixes, en función da evolución do temporal. Xa no día de onte, os servizos municipais iniciaron as actuacións de cara á prevención deste temporal, mediante o reforzo das dunas da praia de Riazor. Os accesos a esta e o resto das praias da cidade quedarán cortados entre a tarde-noite de hoxe e a primeira hora de mañá, como mínimo, ata o sábado e os parques e xardíns tamén quedarán pechados, previsiblemente, desde esta noite.

Ante estas previsións, o Concello prega á veciñanza que actúe con precaución para evitar situacións de perigo. Nesta liña, os servizos de prevención municipais chaman a seguir unha serie de medidas preventivas que pasan, en primeiro lugar, por asegurar portas, fiestras e toldos, así como retirar do exterior macetas e elementos susceptibles de caer á rúa, e asegurar andamios e outros elementos de obra, ademais de comprobar o funcionamento de caleiros e sumidoiros nas terrazas. Aconséllase tamén, en caso de ter que saír á rúa, evitar cornixas, muros, árbores e valados publictarios ante as predicións, que alertan de fortes refachos de vento, que poderán superar os 80 Km por hora desde esta mesma tarde. Tamén, as recomendacións pasan por intentar evitar os desprazamentos por estrada estes días.

Desde os corpos municipais de emerxencias pídese ademais á veciñanza que extreme a precaución nas zonas próximas á costa, dado que as previsións do tempo alertan de condicións moi complicadas en todo o litoral, sobre todo nas xornadas de mañá e o venres. Neste sentido, recoméndase evitar as zonas de praia ou lugares que poidan estar afectados polas ondas e, igualmente, a evitar o uso de embarcacións -e a revisión das amarras- e non practicar en ningún caso deportes acuáticos. Tamén os servizos municipais advirten do alto risco que pode entrañar achegarse a zonas costeiras, peiraos ou espigóns para tomar fotografías ou vídeos.

O Concello pon en alerta a todos os seus servizos de emerxencias ante a previsión de temporal