Transparencia institucional

Novo portal de transparencia do Concello da Coruña

Ferreiro explicou que “a transparencia debe entenderse como unha liña de actuacións que achega a acción institucional á cidadanía”, á vez que amosou as novidades do portal, onde entre outras cuestións, a veciñanza terá acceso “a axenda institucional” do rexedor

Novo portal de transparencia do Concello da Coruña
Xulio Ferreiro, Alcalde da Coruña
Xulio Ferreiro, Alcalde da Coruña

O alcalde, Xulio Ferreiro, presentou esta mañá de forma pública a posta en funcionamento do novo portal de transparencia do Concello da Coruña. "Botamos a andar esta páxina de forma experimental, cun contido que irá ampliándose e mellorando nos próximos días e que afonda na transparencia, como un dos obxectivos fundamentais deste Goberno local", explicou o rexedor, que aclarou que a transparencia "non pode ser entendida como unha política sectorial, senón como unha forma de organización e de actuación, unha cultura nova na que hai que afondar progresivamente". O responsable municipal recordou que "o de hoxe non é un punto de chegada, senón que é un paso máis dentro dunha forma de actuar que acreditamos dende o primeiro día". Así, recordou que, coa chegada a María Pita do actual Executivo local, e despois das reivindicacións cidadás que partiron de movementos como o 15M, o Goberno municipal impulsou unha serie de actuacións encamiñadas "a facer da transparencia un fío fundamental en política". "Este non é o primeiro paso que damos neste sentido, xa que dende o primeiro día, con nós, a oposición ten acceso ás xuntas de Goberno local, contamos con perfís municipais nas redes sociais, cousa que antes non existía, e retransmitimos en directo os Plenos da Corporación", recordou. "O compromiso coa transparencia baséase en entendela como unha liña de actuación para achegar a acción institucional á cidadanía, e para que sirva como antídoto ante o oscurantismo e ante prácticas non desexadas. Forma parte do dereito que ten a xente de estar informada da acción do seu Goberno e a súa Corporación Municipal", explicou.

Ferreiro destacou que a posta en marcha esta xornada do portal de transparencia ten como  obxectivo o de "incorporar ao traballo habitual dos servizos municipais unha nova obriga, como é a de publicar e ter ao día á cidadanía das actuacións do Goberno, con datos e información sobre as decisións que se toman". "O portal web é unha parte máis deste proceso. Nos próximos días e semanas irase testeando, mellorando e completando, xa que aínda faltan datos, como por exemplo as achegas que os outros grupos municipais queiran facer a este portal de transparencia", engadiu.

O alcalde explicou ante a prensa o funcionamento da web de transparencia, na que, dende o principio, "buscouse un manexo sinxelo, así como facilidade para que, tal e como regula a lei de transparencia, a cidadanía poida solicitar acceso a determinados datos, se é que non están xa presentes na propia páxina". Entre outras cuestións, a páxina recolle no seu apartado de Organización Municipal un breve currículum de todos os membros do Goberno, ademais do persoal eventual e os seus salarios. Ademais, o alcalde destacou que "dende esta xornada" a súa axenda institucional terá carácter público, sendo así posible que a cidadanía coñeza con quen se reúne o mandatario local. "Seremos, non obstante, coidadosos, con toda a información relativa ás persoas coas que me reúna, sen que aparezan os seus nomes, senón entrevista de atención á cidadanía", aclarou o primeiro edil, quen indicou que, nas próximas semanas, as axendas do resto de concelleiros e concelleiras do Executivo tamén se irán facendo públicas.

Dentro do portal de transparencia tamén se activarán outros servizos que inciden directamente na participación cidadá e nos procesos de rendición de contas, como é o caso do apartado Onde van os meus impostos?, aplicación desenvolvida pola Fundación Civio, organización sen ánimo de lucro que traballa pola transparencia informativa e a apertura de datos a través do uso da tecnoloxía. "Con esta ferramenta, ofrecemos información accesible a toda á cidadanía sobre os orzamentos municipais, de onde veñen os ingresos e en que se empregan ou do grado de execución orzamentaria", explicou o alcalde, quen na rolda de prensa estivo acompañada por unha responsable de Civio, Sonia Pérez Hernando, quen explicou que esta entidade traballa cunha vintena de administracións públicas en todo o Estado español entre concellos e autonomías. "Cremos que é fundamental poñer en marcha actuacións coma esta para xerar unha cultura política baseada na transparencia mediante o empoderamento da cidadanía", dixo.

A nova web tamén fará máis accesible, aplicacións que xa están dispoñibles noutras páxinas municipais, como é o caso por exemplo do Visor de obras públicas, que se atopa dentro da pestana que atinxe a Urbanismo e Obras Públicas, e que ofrece información das actuacións que se están a levar a cabo en toda a cidade, das que están rematadas, en obra, ou en fase de licitación ou adxudicación.

Novo portal de transparencia do Concello da Coruña