Festas de Nadal

O Concello presenta o dispositivo da Cabalgata de Reis

José Manuel Sande e Rocío Fraga presentaron o evento, que partirá ás 17.30 horas da avenida da Habana e terá un percorrido de case tres quilómetros que culminará na praza de María Pita

O itinerario da cabalgata, que de novo será cardioprotexida, contará cun 8 espazos de atención sanitaria, 5 ambulancias e 5 zonas para persoas con mobilidade reducida, ademais de tres puntos limpos e un espazo para a lactancia

O Concello presenta o dispositivo da Cabalgata de Reis
Cabalgata 04
José Manuel Sande e Rocío Fraga presentan o dispositivo da Cabalgata de Reis

A Coruña, 26 de decembro de 2018.- O goberno local presentou esta mañá o dispositivo vinculado á celebración da Cabalgata de Reis 2019, que este ano leva por título Unha cidade soñada e partirá do estadio municipal de Riazor para chegar até a praza de María Pita. A comitiva, conformada por 16 carrozas e catro trens, dará cabida a 450 nenas e nenos que acompañarán aos Reis Magos no percorrido, durante o cal lanzaran até 12 toneladas de caramelos sen glute. O itinerario, tal e como explicaron o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, e a edil de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, partirá ás 17.30 horas da avenida da Habana para continuar por avenida Calvo Sotelo, Fernando Macías, Médico Rodríguez, Juan Flórez, Marcial del Adalid, Linares Rivas, Sánchez Bregua, Praza de Mina, Cantón Pequeno, Cantón Grande, avenida da Mariña e a Praza de María Pita. “Este ano a proposta segue a liña de descentralizar a actividade cultural municipal e procura chegar a novos barrios, despois de comezar, nas anteriores ocasións, nos Mallos, Monte Alto ou O Castrillón”, explicou Sande.

Dispositivo Cabalgata de Reis 2019

Tal e como apuntou o responsable de Culturas, este ano as carrozas --das cales 7 serán municipais, 1 de bombeiros e 8 das empresas patrocinadoras, dúas máis que na pasada edición, como son Gadisa, El Corte Inglés, Abanca, Cabreiroá, Repsol, Desarrolla, Centro Comercial Los Rosales e Coca-Cola-- percorrerán as rúas da cidade “facendo referencia a esa Coruña soñada”, e estarán acompañadas dun dispositivo de animación conformado por compañías “que achegarán un espectáculo cultural e artístico para todos os públicos” que contará con bandas de música, hinchables, bufóns, malabaristas, clowns, dragóns de grande altura ou grupos de danza, entre outras propostas. Así, a participarán na Cabalgata Compañía Troula Animación, Compañía Parola Bianca, Grupo Krash, Compañía Bambolea, Banda de Música de Santiago de Arteixo, Banda de Música de Vilatuxe, Banda de Gaitas Agarimo de Catabois, Culturactiva, Manicómicos e Pistacatro.

De cara ao correcto desenvolvemento da Cabalgata de Reis 2019, o Concello da Coruña despregará un dispositivo conformado por 279 persoas, entre as e os que se atopan 66 policías, 6 bombeiros, 45 membros de Protección Civil, 46 de Cruz Vermella e 6 do 061; ademais de 52 auxiliares de carroza, 36 auxiliares de montaxe, 16 vixiantes de seguridade privada e 6 persoas que atenderán as zonas de mobilidade reducida e lactancia. “Estamos a falar dun dispositivo moi semellante ao do ano pasado, a pesares de contar cun itinerario que é case un quilómetro máis curto”, apuntou Rocío Fraga, quen lembrou que se establecerán tres zonas de Punto Limpo para o depósito de residuos.

Atención santiaria na Cabalgata de Reis 2019

A responsable da área municipal de Seguridade Cidadá destacou que, nesta edición, a cabalgata “tamén será un evento cardioprotexido”, ao contar con desfibriladores externos semiautomáticos (DESA) nos oito espazos sanitarios. Estes puntos situaranse na avenida da Habana, praza de Portugal, Fernando Macías, Juan Flórez con Orquestra Sinfónica, Marcial del Adalid --á altura de Emilia Pardo Bazán--, Linares Rivas, Subdelegación do Goberno e na propia praza de María Pita, “na que tamén se situará, un ano máis, un espazo de coidados infantís e lactancia”, advertiu a edil. Ademais, o evento contará cun total de 5 ambulancia: 2 serán de Cruz Vermella, unha de Protección Civil e outras dúas do 061, “unha das cales estará medicalizada”, apuntou Fraga durante a comparecencia.

Cabalgata de Reis 2019, postos de visibilidade para persoas con mobilidade reducida

Ao fío, a titular de Igualdade e Diversidade salientou que o goberno local apostará un ano máis pola accesibilidade na cabalgata, ao contar con cinco postos de visibilidade para persoas con mobilidade reducida, que estarán á disposición da veciñanza en Fernando Macías, Marcial del Adalid, Cantón Grande --fronte á Fundación Barrié--, Subdelegación do Goberno e na praza de María Pita. Finalmente, a concelleira deu algúns consellos para á veciñanza “de cara a gozar da cabalgata con seguridade e tranquilidade”, como respectar as zonas de seguridade delimitadas, non invadir a calzada, evitar subirse a a elementos do mobiliario urbano ou manter unha distancia segura ao paso das carrozas, entre outras medidas.

O Concello presenta o dispositivo da Cabalgata de Reis