Agricultura urbana

Europa escolle A Coruña para fomentar a agricultura urbana

A Unión Europea financiará o 70% do orzamento de 600.000 euros co que conta a rede de cidades, nas que tamén se atopan Vilnius, Cracovia, Tesalónica, Caen e Loures

En base a este programa de carácter bianual, A Coruña acollerá no Nadal de 2020 a conferencia europea de horticultura e agricultura urbana

Europa escolle A Coruña para fomentar a agricultura urbana
Urbact
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, recibiu o pasado mes de maio a persoal técnico do Concello de Roma e profesionais de agricultura urbana do Consello de Europa no marco dun encontro do programa Urbact

A Coruña, 25 de decembro de 2018.- A Coruña volveu ser distinguida pola Unión Europea en atención ás súas políticas innovadoras, neste caso aquelas destinadas ao fomento da agricultura urbana e a alimentación sustentable. Así, vén de ser escollida para formar parte da segunda fase do programa Urbact, que se basea na transferencia de boas prácticas nesta materia, xunto a outras seis cidades europeas: Roma (Italia) Vilnius (Lituania), Cracovia (Polonia), Tesalónica (Grecia), Caen (Francia) e Loures (Portugal). O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, salientou “este novo recoñecemento para a cidade e para o traballo que se está a realizar a prol da economía circular e no eido da agricultura ecolóxica e as experiencias de implantación de hortas urbanas dende o goberno local”, así como recordou que A Coruña xa foi escollida para participar nesta rede europea na primeira fase de implantación do programa xunto con Roma e Vilnius. “Unha vez máis neste mandato estamos a innovar, xa que nunca antes esta cidade se integrara nunha rede deste tipo, de feito, hai poucas experiencias incluso a nivel galego, unicamente en Compostela e Ourense”, indicou. O orzamento para a rede, cofinanciado ao 70% pola Unión Europea, é de 600.000 euros.

“Dende hai tempo detectamos que un dos grandes reclamos no eido turístico radica precisamente na súa compoñente como cidade sostible, tanto no coidado do medio ambiente e o fomento e ampliación dos espazos verdes, como mediante as políticas para o impulso dunha gastronomía con produtos de calidade de produción ecolóxica”, indicou Lema, quen salientou que a propia pertenza a esta rede europea de cidades “é un polo de atracción en si mesma”. “Sen ir máis lonxe, A Coruña é a cidade que acollerá, no Nadal de 2020, a conferencia europea sobre horticultura e agricultura urbana de peche de programa”, anunciou. “Estamos moi satisfeitas, xa que cremos que isto referenda o traballo posto en marcha este mandato municipal. De feito, Urbact xustifica a permanencia na cidade neste programa xa que a considera un referente de boa práctica en políticas de agricultura urbana entre as cidades europeas de tamaño mediano, o mesmo por exemplo que di de Roma, neste caso no tramo das grandes urbes”, salientou.

Lema tamén destacou que a selección da Coruña para formar parte da segunda fase do programa Urbact “parte dun inmenso traballo de carácter transversal, levado a cabo por todas as áreas de goberno, pero na que salienta especialmente a Concellería de Medio Ambiente”.

Comentarios
Europa escolle A Coruña para fomentar a agricultura urbana