Novas da Marea

Convocado para o sábado o pleno da cuestión de confianza

Marea Atlántica | 30/01/2017

O alcalde asinou o decreto para convocar a sesión plenaria na que se vincula á aprobación dos orzamentos a unha cuestión de confianza. Será o vindeiro 4 de febreiro, ás 12.30 horas

“Nestes momentos resulta moi difícil falar do PSOE. Non ten unha interlocución doada”, afirmou Xulio Ferreiro

Convocado para o sábado o pleno da cuestión de confianza
Julius
Xulio Ferreiro, Alcalde da Coruña

Xa hai data para o pleno de aprobación dos Orzamentos 2017, da man dunha cuestión de confianza. Se non se produce un acordo antes, o sábado, 4 de febreiro, ás 12.30 horas, volverán a someterse as contas municipais ao ditame da corporación. Deste xeito, rematará o bloqueo para ben ou para mal.

Xulio Ferreiro explicou hoxe que “non houbo cambios, nin novas conversas formais co grupo socialista desde a semana pasada, aínda que a porta segue aberta pra reorientar a situación”. Sinalou que “resulta moi complicado falar co PSOE nestes días, porque non ten unha dirección única nin unha interlocución doada. A súa xestora ía estar designada a semana pasada —non se coñeceu ata hoxe—, e iso complicou moito o proceso”.

Man tendida desde o primeiro momento

Tal e como lembrou o alcalde, desde o mesmo momento que o PSOE uniu os seus votos aos do PP para rexeitar os Orzamentos, o pasado 28 de decembro “deixamos clara a nosa intención de negociar. Fixamos entón un prazo de 15 días para saber se tiñamos vimbios, pareceu que os había e sentamos a falar”.

E continuou o diálogo mesmo cando a postura do grupo socialista non semellaba seria. Pedironse propostas concretas para o Orzamento de 2017, e chegaron cun programa electoral, sen cifras nin datos. Puxeron sobre a mesa un documento de ideas sen concretar, imposibles de executar en un ano… e moitas delas nin nun mandato enteiro.

Do achegamento á deslealdade en 12 horas

“Só o mércores pasado conseguimos falar de verdade de orzamentos, de partidas concretas e da fórmula de corresponsabilidade para xestionalas. E aí, efectivamente, foi posible encamiñar o acordo, pero non pechalo. Faltaban moitas cousas”, explica Xulio Ferreiro. Faltaban os nomes das concelleiras e concelleiros socialistas que colaborarían no desenvolvemento dos proxectos, dos que tanto se fala, pero tamén faltaban asuntos máis importantes: concretar cantidades e políticas moi vinculadas aos orzamentos, como o apoio á Área Metropolitana ou a solución ao bloqueo na depuradora de Bens.

O alcalde continuou explicando que “ao día seguinte, o primeiro que nos envían é unha proposta de nomes. E, acto seguido, o concelleiro José Manuel García convoca unha rolda de prensa onde anuncia que o pacto está pechado, pero dá unhas condicións que non eran as que se falaran na mesa de negociación. Doce horas despois de encamiñar o acordo, tentouse mudar pola porta de atrás, e cunha xogada moi pouco limpa. Por enésima vez, o PSOE rachaba un entendemento”.

Ferreiro: “As intencións de tomarlle o pelo ao alcalde da Coruña teñen un límite”

Chegado este punto, Ferreiro lembrou que tenta ser “un alcalde dialogante, que non impón as condicións e procura sempre o consenso. Pero as intencións de tomarlle o pelo ao alcalde da Coruña teñen un límite. Isto é o que nos leva a convocar a cuestión de confianza”.

E como funciona a cuestión de confianza? Se os Orzamentos obteñen este sábado o respaldo da maioría do pleno, serán aprobados sen cambios. Se son rexeitados, a oposición terá un mes para presentar un candidato ou candidata alternativo á alcaldía e substituír ao goberno municipal. De non conseguir o acordo suficiente, as contas aprobaríanse igualmente. Deste xeito, a Marea Atlántica pon a súa acción de goberno sobre a mesa coa intención de rematar, de vez, co bloqueo político ao executivo municipal. Se o PSOE fala en serio cando di que se vai comportar con lealdade, ten agora ocasión de demostralo. Aínda non é tarde para o acordo.

Moito máis que un baile de nomes

Logo deste relato, resulta estraña a teima dalgúns sectores por simplificar un asunto tan complexo e convertelo nun conflito sobre os nomes. Sobre un nome en concreto, Mar Barcón, unha persoa que declarou ante os membros do seu partido e ante o alcalde da Coruña que non tería problema en facerse a un lado se era un obstáculo.

Mañá, a rede da Marea Atlántica debaterá este asunto e tomará unha posición ao respecto da cuestión de confianza e as conversas co PSOE, un tema que xa se ten tratado varias veces nos últimos meses.

Convocado para o sábado o pleno da cuestión de confianza