Nota de prensa | Comisión Aberta en Defensa do Común

O goberno municipal ten nas súas mans evitar a nova poxa de Defensa no Campo da Estrada, executando o acordo plenario de 11 de abril de 2016

Defensa do Común constitúese o 3 de marzo de 2016 e un dos seus primeiros obxectivos foi impedir a poxa pública de tres parcelas coas que o ministerio de Defensa pretendía ingresar 25 millóns de euros, convocando a primeira concentración cívica o 7 de abril de 2016.

O goberno municipal ten nas súas mans evitar a nova poxa de Defensa no Campo da Estrada, executando o acordo plenario de 11 de abril de 2016
Asemblea da Comisión Aberta de Defensa do Común este martes cinco días antes da manifestación-min
Asemblea da Comisión Aberta de Defensa do Común | Foto Erik Dobaño

O manifesto ";En defensa dos espazos comunais e do patrimonio público. Non á venda da Coruña”, de 25 de maio de 2016, dicía: “A mobilización cívica fixo fracasar, en primeira instancia, o plan de Defensa [convocatoria urxente dunha poxa para o 27 de abril de 2016 por un goberno en funcións], pero debe continuar a mobilización e o goberno municipal debe defender ante ese ministerio o acordo do Pleno de 11 de abril de 2016”.

Defensa do Común pide, novamente, ao goberno municipal que para evitar a nova poxa –agora de dúas parcelas e cunha rebaixa– execute ese acordo plenario de hai dous anos, que tiña este contido:

En primeiro lugar, e como dicía a moción aprobada, debe “Pedir ao ministerio de Defensa a devolución gratuíta ao concello da Coruña dos terreos do Campo da Estrada para uso público porque son espazos comunais, bens propios, pertencentes á cidade desde a súa fundación”.

En segundo lugar, iniciar a modificación do Plan de Urbanismo, como recollía a citada moción: “Instar ao goberno municipal a que tome as medidas necesarias para a modificación puntual do Plan Xeral de Urbanismo, posibilitando a posta en valor do Patrimonio Urbanístico, Arquitectónico e Arqueolóxico da Coruña e a súa adaptación aos valores e necesidade culturais e sociais da cidadanía e non aos servizo de intereses especulativos e mercantilistas”.

En terceiro lugar, “Trasladar este acordo do pleno ao ministerio de Defensa”.

En cuarto lugar, “Ter en conta a participación e opinión da cidadanía e da Asociación de Veciños da Cidade Vella sobre o futuro uso deses terreos”.

Consideramos preocupante que, dous anos despois da súa aprobación, o gobernó municipal aínda non teña executado ese acordo plenario e outros, como xa manifestamos en varios escritos dirixidos ao Alcalde sobre o cumprimento dos acordos plenarios: “Cando o goberno municipal aproba unha moción, executar ese acordo é unha decisión política que ten moito que ver coa coherencia e responsabilidade democrática porque é un compromiso coa cidadanía. Cando se aproba unha moción, esta pasa de ser unha petición dunha agrupación ou plataforma cívica como a nosa, a converterse nun compromiso do goberno municipal coa cidadanía, que debe cumprir”.

Defensa do Común lembra que ten acordado a celebración no mes de maio da II Marcha Cívica entre o Hotel Finisterre e o Campo da Estrada para reivindicar a paralización indefinida das poxas anunciadas polo ministerios de Defensa e de Fomento. Esperamos tamén que se execute o acordo do citado pleno de 11 de abril de 2016: “Manifestar o apoio da corporación municipal ás iniciativas e mobilizacións cívicas que convoque a Comisión Aberta en Defensa do Común”.

Finalmente, queremos chamar a atención sobre o gravísimo feito de que o ministerio de Defensa continúe actuando como un auténtica inmobiliaria dedicada a operación especulativas con terreos do Patrimonio Público, co único obxectivo de ingresar diñeiro (case 8.000 millóns de pesetas, sobre 48 millóns de euros, grazas ao convenio asinado co concello da Coruña o 30 de xuño de 1984), privando á cidade duns espazos que sempre foron comunais. Por outra parte, é a primeira vez dende 1870 (en 148 anos) que se privatizan terreos de dominio e titularidade pública na fronte marítima do Centro Histórico na Cidade Vella: terreos situados sobre o sistema defensivo barroco da praza forte da Coruña.

O goberno municipal ten nas súas mans evitar a nova poxa de Defensa no Campo da Estrada, executando o acordo plenario de 11 de abril de 2016