22M, Día Mundial da Auga

Presentación do proxecto "Life Fluvial"

Emalcsa colabora neste proxecto de preservación da natureza nas beiras dos ríos atlánticos, que se desenvolverá na contorna do encoro de Cecebre, entre outras localizacions de Asturias, Galicia e Portugal

Presentación do proxecto "Life Fluvial"
Life fluvial 02
Foto Emalcsa.es

Neste 22 de marzo, Día Mundial da Auga, dedicado este ano á importancia da conservación da natureza para manter limpas as fontes de auga potable, foi presentado na Aula de Natureza de Chelo (Coirós) o proxecto Life Fluvial. Emalcsa colabora nesta iniciativa co Instituto de Recursos Naturais e Ordenación do Territorio (INDUROT) da Universidade de Oviedo; o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da Universidade de Santiago; o Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa; a Asociación de Desenvolvemento Rural das Mariñas-Betanzos; a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; a Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón; Tragsa e o Concello de Ribadeo.

O obxectivo de Life Fluvial é a mellora do estado de conservación de corredores fluviais atlánticos na Rede Natura 2000. Para cumprir esta meta, desenvólvese unha estratexia transnacional en toda a Península Ibérica, para a xestión sostible dos bosques higrófilos (húmidos) nos cursos de varios ríos. Isto supón enfrontarse a ameazas como as especies invasoras, a intensificación de usos humanos ou os problemas fitosanitarios. Un dos seus escenarios de acción será a contorna do encoro de Cecebre.

Os traballos en Cecebre inícianse o vindeiro ano

As actuacións comezarán en abril de 2019, e consistirán na retirada de árbores mortas, sempre de xeito selectivo para non alterar o ciclo da biodiversidade; a localización e eliminación de especies invasoras, e a repoboación con árbores autóctonas de 8,6 hectáreas de bosque aluvial.

Nas apertura das xornadas de presentación de Life Fluvial participaron o alcalde de Coirós, Francisco Quintela; a concelleira de Medio Ambiente da Coruña, María García; o presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; José Antonio Santiso; e o director técnico do proxecto Life Fluvial, Jorge Marquínez García.

Emalcsa está especialmente interesada na conservación dos hábitats naturais na contorna dos acuíferos, na liña que marca hoxe a celebración do Día Mundial da Auga. Os problemas ambientais, sendo o cambio climático o maior deles, están a provocar crises asociadas aos recursos hídricos en todo o mundo, como a seca que vivimos a finais de 2017 en Galicia. Neste contexto, a conservación dos bosques, o solo e a biodiversidade dos ríos e lagos é fundamental para garantir que dispoñemos de auga para beber.

O coidado ambiental, unha prioridade para Emalcsa

O compromiso de Emalcsa coa conservación do Medio Ambiente demóstrase con actuacións como a colaboración coa Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, na que se enmarca o encoro de Cecebre. En todo momento, a empresa municipal fai unha xestión do encoro na que é prioritario respectar a biodiversidade, con supervisión directa e implicación constante do noso persoal técnico. Un encoro vivo é un encoro que garante a calidade da auga para o consumo humano.

De igual xeito, os valores ecolóxicos son eixes centrais nas liñas de investigación de Emalcsa. Dan bo exemplo proxectos como iEcoCity, liderado pola nosa empresa e desenvolvido con fondos europeos e centrado no control do consumo no pequeno comercio urbano. Non en van, o coidado ambiental é unha das liñas centrais na Cátedra Emalcsa, posta en marcha o ano pasado en colaboración coa Universidade da Coruña, e que pretende desenvolver o potencial de coñecemento de cara a mellora da sustentabilidade dos sistemas de auga urbana, con unha clara orientación o entorno galego como un centro de referencia para a mellora.

O seu primeiro froito é un plan de ampliación do coñecemento asociado o entorno do encoro de Cecebre, incluíndo o lago de Meirama como cabeceira da mesma e de gran transcendencia para o futuro da área metropolitana. Falamos da iniciativa GLEON, que propón incluír Cecebre coa sua motorización nunha rede científica internacional con instalacións similares para coñecer a situación, a evolución e os problemas e solucións das dinámicas das masas de auga continental, como o caso do encoro de Cecebre. A estas dúas iniciativas hai que sumar a labor divulgadora dos valores naturais asociado o certame de debuxo naturista e o recentemente proposto concurso escolar para darlles a coñecer aos máis novos o ciclo da auga na nosa contorna, porque aquelo que se coñece, respéctase. As Nacións Unidas celebran o Día Mundial da auga desde 1993, co obxectivo de divulgar os problemas relacionados coa xestión da auga e concienciar á poboación da importancia de coidar o líquido que nos dá a vida. Un compromiso co que Emalcsa coincide plenamente.

Presentación do proxecto "Life Fluvial"