BNG | nota de prensa

Jorquera, ao PP: “a vostedes non lles preocupa tanto abordar solucións aos problemas como axitar o avesporeiro para tirar rédito político”

“Por suposto que hai que actuar contra a delincuencia e atallar os problemas de inseguridade. Mais non abonda. Hai que actuar tamén sobre as causas que fan que os barrios se volvan máis inseguros”
Jorquera, ao PP: “a vostedes non lles preocupa tanto abordar solucións aos problemas como axitar o avesporeiro para tirar rédito político”
Jorquera e Fran
Jorquera e Fran

A Coruña, a 3 de novembro de 2021. O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, considera que o verdadeiro motivo que moveu o PP ao convocar un Pleno Extraordinario, este mércores, sobre a seguridade cidadá non é tanto “abordar solución a un problema” como “axitar o avesporeiro para tirar rédito electoral”. Consecuentemente, o BNG rexeitou a proposta de resolución formulada polo PP.

Para o voceiro nacionalista, o PP “mete no mesmo saco problemas de índole tan distinta como os roubos ou o dereito ao descanso nocturno”. “Fano para sementar alarmismo. Fano porque pensan que sementando alarmismo tirarán rédito político. E por iso só atenden unha dimensión do problema. Cando os problemas teñen causas múltiples e complexas só son abordábeis desde unha perspectiva integral”.

Esa perspectiva integral era precisamente a que incorporaba a moción que, en relación á situación que se estaba a vivir no barrio dos Mallos, o Pleno aprobou o pasado mes de outubro, unha iniciativa conxunta de todos os grupos que naceu do impulso do BNG e que achegaba propostas en distintas materias, desde as políticas sociais até as de vivenda e de dinamización económica, sen esquecer a dimensión estritamente securitaria.

“Por suposto que hai que actuar contra a delincuencia e atallar os problemas de inseguridade. Mais non abonda. Hai que actuar tamén sobre as causas que fan que os barrios se volvan máis inseguros”, dixo Jorquera.

“Barrios con moitas vivendas baleiras e edificios abandonados. Con rúas inhóspitas, sen comercios, cos baixos pechados. Con áreas urbanisticamente degradadas. Con bolsas de pobreza e marxinalidade no seu seo", estendeuse. Nesas condicións “tórnanse en barrios máis inseguros”.

Aterra como poidas

No pórtico da súa intervención, Jorquera mergullouse na cinefilia para rescatar a célebre frase do supervisor da Torre de Control en “Aterra como poidas” e, así, onde Lloyd Bridges afirmaba “escollín mal día para deixar de fumar” o portavoz do BNG en María Pita espetoulle á bancada do PP: “Escolleron mal día para falar da delincuencia”.

E escollérono porque “este Pleno se realiza menos dunha semana despois de a Audiencia Nacional condenar Bárcenas e o PP por pagar en negro a reforma da sede de Génova”.

Alarmismo

Fronte á estratexia do PP de sementar alarmismo, o BNG esfórzase por facer unha lectura o máis obxectiva posíbel da situación. Por un lado, é certo que “existe unha percepción de inseguridade nalgunhas zonas da nosa cidade e ante esta situación hai que actuar”. Por outro, por irmos a unha cuestión concreta, a da invasión e usurpación de moradas, e segundo datos do propio Consello Xeral do Poder Xudicial, “Galiza é a terceira comunidade con menos denuncias por ocupación de vivendas en relación á súa poboación”. “E, en troca, hai moito máis desafiuzamentos que denuncias de ocupación”, precisou.

É por iso que cómpren, engadiu, “políticas públicas ambiciosas que aseguren o dereito á vivenda e que incentiven a mobilización do parque de vivendas existente”.

Problemas complexos que obrigan a afinar as análises, opina o BNG. “O que ocorre”, esclareceu Jorquera, “é que hai distintos tipos de ocupación e cada un necesita un tratamento singular”. “Hai a Okupación con K, un movemento reivindicativo para chamar a atención sobre os problemas de acceso á vivenda, e para protestar contra a especulación e o abandono de edificios, moitas veces públicos”. E despois existe a invasión de moradas con fins delictivos que loxicamente debe ser perseguida para garantir “o cumprimento da lei”.

E para resolver eses problemas complexos o PP presenta solucións simples, como a recuperación da chamada Policía de Barrio. 

Materializar esa solución non é tan doado, advertiulle Jorquera á bancada conservadora. “Primeiro, como sen dúbida saben, as competencias policiais en seguridade cidadá, en sentido estrito, son da Policía Nacional. E, segundo, para recuperar a policía “son necesarios máis efectivos” e “iso choca cos límites á contratación pública establecidos polo señor Montoro e os sucesivos gobernos do PP”, concluíu o voceiro nacionalista.

Comentarios
Jorquera, ao PP: “a vostedes non lles preocupa tanto abordar solucións aos problemas como axitar o avesporeiro para tirar rédito político”