Marea Atlántica | nota de prensa

María García: “Unha cidade segura é aquela na que as familias non teñen medo a quedar na rúa por non poder pagar o alugueiro”

O PP convocou hoxe un Pleno Extraordinario para axitar o alarmismo e o medo  A súa proposta foi rexeitada por todos os demais grupos da corporación
María García: “Unha cidade segura é aquela na que as familias non teñen medo a quedar na rúa por non poder pagar o alugueiro”
María García no pleno extraordinario
María García no pleno extraordinario

A voceira da Marea Atlántica pediulle ao goberno local que aplique as medidas aprobadas por unanimidade hai unhas semanas, cun enfoque integral para os barrios, e que amose “tolerancia cero contra o acoso inmobiliario"

A Marea Atlántica votou hoxe en contra á iniciativa alarmista que o Partido Popular levou a un Pleno Extraordinario para axitar o medo nos barrios, e que foi rexeitada por todos os demais grupos da Corporación Municipal. A nosa voceira, María García, lamentou que o PP, “desde o oportunismo e a hipocrisía, rache o consenso acadado a comezos de outubro para darlle unha resposta integral á preocupación veciñal polos problemas de convivencia e seguridade”. 

Como ben resumiu a nosa portavoz, “nós apostamos por unha cidade segura, sen medo. Sen angustia vital por non chegar a fin de mes, por atender á túa familia, por non saber se poderás pagar o alugueiro ou quedarás na rúa. Unha cidade na que a ninguén o sinalen por homofobia e racismo. Pero para iso hai que traballar na prevención, na loita conta a desigualdade. Hai que coidar do espazo público, manter os servizos de proximidade e o contacto coa veciñanza”. 

Lembremos que a desigualdade está a medrar en todo o Estado tras a pandemia, tamén na Coruña, e que nesta cidade existe un grave problema de acceso á vivenda: hai uns 20.000 pisos baleiros e nun ano medrou un 8% o prezo da vivenda libre, o segundo maior incremento nunha capital de provincia. Datos que o PP esquece nas súas presuntas “solucións”. 

Cando a policía marcha, os problemas sociais non desaparecen

“Chegaramos a un acordo valioso, un paquete de medidas con perspectiva social para afrontar os problemas que persisten cando a policía marcha. E agora o PP quere estragalo para vender o seu alarmismo”, resumiu García.

E engadiu que “desde esta Corporación non podemos actuar de forma irresponsable sementando medo, criminalizando e sinalando a colectivos enteiros coma culpables sen probas. Se o facemos, estamos a prexudicar aos barrios aos que se supón que debemos axudar. Barrios nos que non so hai delitos, tamén modelos exemplares de comunidade e apoio entre persoas de clase traballadora”.

A nosa voceira tamén emprazou ao PSOE a cumprir os acordos, tanto os do Pleno, que amosan solucións claras para os barrios, coma coa policía local, que hoxe volveu manifestarse en María Pita para reclamar as súas condicións laborais. “Non dean bandazos. Reclamámoslles tolerancia cero, si, pero tolerancia cero co acoso inmobiliario, coas empresas parapoliciais que actúan sen amparo legal, coa desigualdade. Déanlle apoio aos fogares baixo o umbral da pobreza, ás persoas sen fogar, e invistan os recursos nos barrios en lugar de enterralos en mercar nos peiraos uns terreos que xa son públicos polo triplo do que valen”.

A delincuencia que non denuncia o PP: a corrupción

O Partido Popular escolleu, en todo caso, mala época para denunciar o “aumento da delincuencia”. Mala época porque hai poucos días que Audiencia Nacional confirmou que o Partido Popular pagou a reforma da súa sede en Madrid con diñeiro negro procedente de “mordidas” de contratos públicos. 

A corrupción a grande escala, esa delincuencia que o PP non denuncia, róubanos uns 90.000 millóns de euros ao ano, catro veces o que o Estado inviste en subsidios de desemprego. Un 8% do PIB. “Os delitos, desde logo, deben perseguirse. Pero non só nos barrios humildes, tamén nos ministerios e nos altos despachos, tamén a quen rouba desde o privilexio”, concluíu María García.

María García: “Unha cidade segura é aquela na que as familias non teñen medo a quedar na rúa por non poder pagar o alugueiro”