Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica mantén o seu voto favorable ao Presco para non atrasar as axudas

As baixas, que non formaron parte da negociación, retiran 1,1 millóns do IMCE, que serán paliados en parte polas propostas de Marea Atlantica en apoio ao sector e os novos convenios coas entidades culturais

A Marea Atlántica mantén o seu voto favorable ao Presco para non atrasar as axudas

Lamentablemente, Inés Rey ignorou a nosa proposta de reducir os fondos en publicidade e asesorías externas

A Coruña, 1 de xullo de 20210- A Marea Atlántica lamenta que Inés Rey escolla financiar o novo Presco con recortes en cultura e transporte público, en lugar de reducir os fondos previstos para publicidade e asesorías externas, tal e como lle pedimos. Estas baixas de crédito non foron pactadas coa oposición, e non soubemos delas ata que esta mañá se tramitaron en Xunta de Goberno Local, pero amosan que o goberno local lle dá prioridade á propaganda antes que apoiar ao sector cultural e fomentar o bus urbano. “É de lamentar que o executivo local non se abrise a dialogar sobre esta cuestión, non bloquearemos as axudas a estas alturas do ano, pero é unha mala decisión financialo con recortes en cultura en lugar de en propaganda”, resume María García, a nosa voceira.

En concreto, o IMCE, o ente responsable de boa parte da programación cultural da Coruña, perde 1,1 millóns de euros, repartidos en dous modificativos de crédito de 860.000 e 240.000 euros. Non é unha boa nova, pero queda en parte compensada polas medidas de apoio ao sector cultural: financiamento de actividades, bolsas de creación (incrementadas grazas á Marea Atlántica) e Bono Cultura, a maiores dos novos convenios que se asinarán con entidades do sector.

Manteremos o voto a favor do Presco cando vaia a Pleno, por non atrasar aínda máis a aprobación dun plan de axudas que leva xa demasiados meses de demora. O seu importe é escaso, a metade que o ano pasado, e os recortes que se aplican para financialo non están xustificados, pero a xente precisa apoio do seu concello na situación actual, e non será a Marea Atlántica a que o impida.

Propostas da Marea Atlántica que enriquecen o Presco

Fixemos propostas que, na medida do posible, melloraron este Presco e son beneficiosas para a veciñanza. Por exemplo, o pago por adiantado do 98% das axudas a autónomos, pemes e micro pemes e a súa tramitación pola vía da declaración responsable, que acurtará os tempos. Así, se Inés Rey fai o seu traballo, non se repetirán os problemas de 2020, ano do que aínda quedan subvencións recoñecidas sen pagar nestes mes de xullo.

Grazas ás achegas da Marea Atlántica, haberá unha liña de axudas específicas para a inserción laboral de persoas con problemas para acceder a un posto de traballo, dotadas finalmente con 250.000 euros. Os contratos asinados a través deste programa terán un salario de polo menos 1.000 euros mensuais, e unha duración mínima de seis meses. Nestes momentos é moi necesario ofrecer alternativas ao aumento do paro e a precariedade, especialmente entre a mocidade.

Conseguimos, ademais, mellorar a proposta de bolsas de creación cultural, aumentando a súa contía total de 90.000 a 120.000 euros e engadindo novas modalidades artísticas. E o Bono Cultura sumou 50.000 euros con respecto á proposta inicial do goberno. Lamentablemente, estas iniciativas poden quedar desvirtuadas polo severo recorte de fondos no IMCE.

Finalmente, celebramos que por fin se vaian aprobar os convenios coas entidades sociais, deportivas, veciñais e culturais da Coruña, incorporando as nosas propostas vetadas ilegalmente pola alcaldesa no Pleno de febreiro. Supón destinar uns 340.000 euros aos colectivos que están a loitar contra a pandemia e as súas consecuencias na primeira liña, onde moitas veces non chegan as institucións. Engádense, ademais, dous novos convenios con Acampa pola Paz e o Dereito ao Refuxio (50.000 €) e coa Asociación de Sarcomas de Galicia (12.000 €). Pedímoslle ao goberno local que sexa áxil á hora de formalizalos, para que poidan executarse este ano.

A Marea Atlántica mantén o seu voto favorable ao Presco para non atrasar as axudas