Podemos | nota de prensa

Podemos A Coruña propón un plan municipal de transición enerxética e a economía verde

“Lamentamos que en poucas semanas o Acordo por unha cidade verde asinado pola corporación se convirta en papel mollado para o PSOE”, denuncia Isabel Faraldo en relación á aprobación pola Xunta de Goberno Local da subministración de 12 vehículos diesel para a Policia Local.

Podemos A Coruña propón un plan municipal de transición enerxética e a economía verde
Isabel Faraldo
Isabel Faraldo

Podemos propón que se realice un estudo para a instalación de placas fotovoltaicas nos edificios públicos, se active a convocatoria do programa de axudas á rehabilitación enerxética de edificios e vivendas ou a inclusión de incentivos nas ordenanzas fiscais que premien os esforzos da veciñanza en materia de transición enerxética.

A Coruña, a 30 de xuño de 2021. Podemos A Coruña vén de rexistrar unha moción para a elaboración dun “plan municipal de transición enerxética e a activación de economía verde”. Con esta moción pretenden reivindicar o papel dos concellos na captación de fondos europeos e abrir o debate sobre a necesidade de repensar o modelo enerxético cara un máis coidadoso co medio natural e as persoas.

Isabel Faraldo, en nome de Podemos Coruña, manifesta a preocupación da formación ante a cantidade de proxectos eólicos que se pretenden instalar no país e considera necesario impulsar modelos de enerxía máis coidadosos co medio, baseados en comunidades enerxéticas e cuxa riqueza repercuta nas comunidades locais.

“Os fondos europeos representan unha oportunidade, pero o Goberno Local ten que tomar a iniciativa e dar pasos cara unha maior autonomía enerxética”, indica Faraldo, insistindo no protagonismo dos concellos para que os fondos non acaben no peto de grandes empresas ás que non lles importa o impacto no medio ambiente e poñen en perigo a nosa riqueza natural coa complicidade da Xunta.

Nese senso, Podemos Coruña lembra que o concello acaba de aprobar en pleno a súa incorporación ao proxecto europeo "Acordo por unha cidade verde" que debe poñer en marcha seguindo as directrices da Unión Europea en materia de sostenibilidade e contra o cambio climático.

“Lamentamos que en poucas semanas este acordo se convirta en papel mollado para o PSOE”, denuncia Faraldo en relación en relación á aprobación pola Xunta de Goberno Local da subministración de 12 vehículos diesel para a policia local, sinalando que, precisamente, na súa moción propón ao Goberno Local que se siga a avanzar na transición do parque móbil cara o uso de vehículos de emisións cero.

Entre as medidas que propón a formación destacan a realización dun estudo para a instalación de placas fotovoltaicas nos edificios públicos, a convocatoria do programa de axudas á rehabilitación enerxética de edificios e vivendas, a instalación de puntos de recarga, o fomento de comunidades enerxéticas ou a inclusión de incentivos nas ordenanzas fiscais que premien os esforzos da veciñanza en materia de transición enerxética.

Confía Faraldo en que “isto non só repercutirá nunha maior autonomía e a distribución da enerxía de maneira máis xusta entre a poboación, senón que tamén nos axudará a afrontar a recuperación económica ao activar a economía verde a nivel municipal o que tamén repercutirá na creación de emprego.”

Podemos A Coruña propón un plan municipal de transición enerxética e a economía verde