Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica reclama no Pleno da Deputación que a Xunta aumente a protección ambiental

Alberto Lema: “Por todo o país esténdese a desconfianza cara o goberno de Feijóo, que amparou megaminas, eólicos e vertedoiros sen control no rural”

A Marea Atlántica reclama no Pleno da Deputación que a Xunta aumente a protección ambiental
Lavadoiro As Cascas1
Lavadoiro As Cascas1

A través dunha moción, pedimos apoio para instar ao executivo autonómico a un reparto xusto e transparente dos fondos europeos Next Generation

A Coruña, 25 de marzo de 2021.- O voceiro provincial da Marea Atlántica, Alberto Lema, defenderá mañá no Pleno da Deputación da Coruña unha moción na que instamos á Xunta e ao Parlamento de Galicia a manter e ampliar as garantías na lexislación ambiental, en lugar de reducilas para que as grandes empresas poidan sacar beneficios do territorio. “Desde que Feijóo é presidente, non parou de mudar a normativa ambiental, facéndoa cada vez máis laxa. Por iso, coa futura Lei de reactivación económica de Galicia anunciada en novembro xérase verdadeira preocupación en colectivos ecoloxistas e veciñais”. 

“Por todo o país esténdese a desconfianza cara un goberno que, coa súa lexislación, procurou amparar proxectos de megaminería, de novas instalacións eólicos sen consenso ou permitir a instalación de vertedoiros en núcleos rurais habitados. Hai que frear esta tendencia do PP a amparar empresas social e ambientalmente nocivas”, sinala Alberto Lema. 

Por iso, buscaremos o apoio da Deputación para reclamar unha transición enerxética xusta e democrática, na que se garanta a participación cidadá e a preservación dos valores paisaxísticos, ambientais, sociais e culturais do territorio galego. Tamén para procurar consenso e verdadeira utilidade no destino dos fondos Next Generation, en lugar de empregalos para proxectos que só lle lavan a cara á grandes empresas. 

Estes fondos europeos de reconstrución deberían repartirse da forma máis xusta posible, por iso instamos a facer pública a composición do suposto “comité de expertos” que determina o seu destino e amplialo o máximo posible. Debería ter representación, ademais da industria, os sectores pesqueiro,  agrario,  forestal, sindical, pemes, ONG´s, e colectivos da sociedade civil organizada.

Protección do lavadoiro das Cascas, en Betanzos

Alberto Lema trasladará tamén ao Pleno un Rogo para solicitar a recuperación e protección do lavadoiro público das Cascas, en Betanzos, danado durante as obras que a Deputación realizou para o acondicionamento do Centro Cultural Santo Domingo.

A Marea Atlántica reclama no Pleno da Deputación que a Xunta aumente a protección ambiental