BNG | nota de prensa

O BNG pídelle ao Goberno Local que se manteña na aposta por un novo Nostián

O BNG MOSTRA A SÚA PREOCUPACIÓN POR QUE A DEMORA NA LICITACIÓN DO NOVO NOSTIÁN LEVE O CONCELLO A PRESENTAR SOGAMA COMO ÚNICA ALTERNATIVA PARA O TRATAMENTO DE RESIDUOS
O BNG pídelle ao Goberno Local que se manteña na aposta por un novo Nostián
Comisión de Medio Ambiente
Comisión de Medio Ambiente

A Coruña, a 25 de marzo de 2021. O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, mostrou hoxe a súa preocupación por que a lentitude na tramitación do novo contrato da planta de tratamento de residuos leve á degradación das instalacións e a crear unha situación que conduza o Goberno Local a presentar a incorporación a Sogama como única alternativa.

"No BNG desde logo ímonos opoñer con todas as nosas forzas a ese escenario", dixo Jorquera após a realización esta mañá no Concello dunha reunión da Comisión de Medio Ambiente. Por parte do Goberno Local Esther Fontán reafirmou o seu compromiso a prol de "residuos cero" e dun "novo Nostián"."Pedímoslle ao Goberno Local que se manteña nesa aposta, mais trasladámoslle a nosa inquietude por que hoxe fose incapaz de precisar unha data para a licitación do novo contrato", dixo Jorquera.

"A lentitude na tramitación está a facer que os problemas da planta non só se cronifiquen, senón que se agraven", advertiu Jorquera. "Vou dar un dado: a reciclaxe de envases e embalaxes reduciuse en 7% a respecto de 2020".

Xustifica o Goberno Local o retraso na xestión da convocatoria do novo contrato no seu desexo de lle dar á futura concesión á máxima seguridade xurídica perante os hipotéticos recursos que se podan formular contra a licitación, ben como tamén na necesidade de resolver problemas urbanísticos relacionados con parcelas colindantes coa planta con vistas a unha futura ampliación das instalacións.

A concelleira referiuse tamén á adaptación dos pregos ás mudanzas lexislativas que en materia de tratamento de residuos se produciron ou están en curso de se produciren quer na UE quer no Estado quer na Galiza, ao tempo que avanzou o estudo de innovacións teconolóxicas que permitan o acceso do novo Nostián a financiamento europeu a través dos fondos Next Generation.

"O problema é que a situación é cada día peor e a nosa preocupación é que se chegue a un escenario de non retorno que permita presentar Sogama como única solución", reiterou Jorquera, quen ao tempo chamou o Goberno Local a manter un diálogo permanente coas traballadoras e traballadores. "Están a ver como as súas condicións laborais e salariais se deterioran a ollos vistas, dado que, ao caducar o convenio, a empresa non quixo negociar un novo marco de relación laboral", denuncia o voceiro nacionalista, quen demandou tamén que se reforcen os mecanismos de supervisión e control do Concello sobre a concesionaria.

Canto ao contrato de mantemento de xardíns, a concelleira informou de que a parte técnica dos pregos está practicamente rematada e que a vindeira semana estará completa a valoración económica para ir a unha licitación canto antes.

O contrato vai ter cinco lotes: xardíns históricos, desbroces e tres zonas-tarefas específicas. Este último permitirá o acceso de empresas de economía social (centros especiais de emprego).

O BNG chamou o Goberno Local a manter un contacto directo coas traballadoras e traballadores por "seren as que mellor coñecen as necesidades do servizo" e pediu que nos pregos se contemple "a unificación de condicións laborais e salariais", dado que, ao teren sido contratadas por distintas empresas ao longo do tempo, non todas as operarias e operarios están en igualdade de condicións. "Perciben salarios distintos por tarefas iguais", di Jorquera.

"Parécenos ben que se vaia a tres lotes distintos para permitiren o acceso de pemes e de empresas de economía social. Mais hai que arranxar o asunto das condicións das traballadoras e especificar tamén nos pregos mecanismos de economía de escala que permitan que non se encareza o servizo", dixo.

E finalmente sobre o contrato de recollida do lixo, Esther Fontán avanzou que se asinaría en arredor de 10 días e que a concesionaria ten un prazo de 9 meses para renovar integramente a frota de camións.

O BNG pídelle ao Goberno Local que se manteña na aposta por un novo Nostián