Pleno municipal

O Pleno aproba a conta xeral do Concello e a amortización anticipada de débeda de 15,1 millóns de euros

A concelleira de Facenda recorda que a administración local pechará o ano cunha débeda viva de 43,9 millóns, a máis baixa da década e case a metade da que presentaba en xuño de 2015. “Ademais, remataremos 2018 cunha execución orzamentaria global que rondará o 82%”, apuntou.

O Pleno aproba a conta xeral do Concello e a amortización anticipada de débeda de 15,1 millóns de euros
Pleno 26 de decembro 2018
Pleno 26 de decembro 2018

A Coruña, 26 de decembro de 2018.- O Pleno extraordinario do Pazo de María Pita aprobou esta mañá tanto a conta xeral do Concello do ano 2017 como a amortización anticipada de débeda de 15,1 millóns de euros procedentes do superávit orzamentario do pasado ano. Ambos asuntos foron aprobados cos votos a favor do grupo de goberno, a abstención dos grupos municipais de PSOE e BNG e o voto en contra do PP. A concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, recordou durante a sesión que as principais magnitudes da conta de 2017 reflexa un Concello da Coruña cunha situación económico financeira solvente e saneada tanto a curto como a longo prazo. Ese exercicio, a administración local cumpriu coas esixencias da Lei de Estabilidade Orzamentaria, tanto o teito como a regra de gasto e cun aforro neto positivo de máis de 27 millóns de euros, o que reflectía unha elevada capacidade de autofinanciamento. “A débeda viva coas entidades financeiras a 31 de decembro descendeu até os 63,8 millóns de euros, naquel momento a cifra máis baixa de toda a década. As previsións do goberno local este ano pasan por rematar cunha rebaixa na débeda até os 43,9 millóns, reducindo practicamente á metade a débeda que recibimos ao chegar ao Concello, que ascendía a 86 millóns de euros”, comentou a responsable municipal.

Ao fío do debate, Vieito destacou algunhas das medidas levadas a cabo polo executivo municipal ao longo do mandato que influíron na redución do endebedamento bancario como é o caso do refinanciamento da débeda bancaria viva anterior ao exercicio 2012, reducindo o pago de intereses en 5,6 millóns de euros ou a amortización do préstamo vinculado á cancelación do plan de axuste por importe de 7,6 millóns de euros grazas precisamente ao superávit acadado xa en 2016. “Ademais, dende o primeiro orzamento elaborado por este goberno no ano 2016 vimos reducindo sistematicamente e de forma sostida no tempo o recurso aos préstamos bancarios para financiar os investimentos municipais, pasando dos 12,3 millóns de euros previstos no orzamento inicial de 2015 aos 7,9 millóns do orzamento vixente, liña coa que continuaremos nos seguintes exercicios”, apuntou.

Con respecto á execución orzamentaria, Vieito manifestou que as previsión do goberno local pasan por rematar o ano cunha cifra global que rondará o 82%, “superior á media do anterior mandato, que estaba no entorno do 80,5% e moi por enriba de mandatos anteriores”.“Non podemos entender as críticas que habitualmente verte sobre o executivo municipal o grupo popular cando no seu mandato deixaron sen executar 229 millóns de euros”, dixo a edil, que tamén apuntou que a actuación do goberno local reduciu de forma considerable o endebedamento por habitante, que se en xuño de 2015 superaba os 350 euros, este ano é de 180 euros por persoa.

Por outro lado, o Pleno deu o visto prace definitivo ao modificativo de crédito preciso para destinar a amortización de débeda 15,1 millóns de euros procedentes do superávit do ano pasado. Como xa fixo con anterioridade, Vieito lamentou que “a pesar dos esforzos realizados, a administración local non fose quen de pechar o mes de novembro cun Período Medio de Pago a Provedores (PMP) inferior a 30 días, motivo que impide aos municipios destinar parte do superávit a investimentos financeiramente sostibles (IFS)”. “Malia que o Concello presenta unha situación saneada como acreditan os datos da liquidación de 2017, e que tan só excedemos en novembro o límite do PMP en 2,76 días, os 15,1 millóns de euros reservados do superávit deberán ser destinados integramente á amortización de débeda, tal e como é a súa finalidade ordinaria segundo a Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sostenibilidade Financeira”. Con respecto ao Período Medio de Pago a Provedores, Vieito salientou que o incumprimento do PMP (32,76 días en novembro) prodúcese, principalmente, como consecuencia do cambio da metodoloxía do seu cálculo. Con todo, tamén aludiu a outros factores como o atraso na aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito do Concello e do IMCE por valor de 1,3 millóns e 935.000 euros respectivamente. “Ese adiamento por parte dos grupos da oposición lastrou o indicador polo tempo no que o pleno rexeitou a súa aprobación xa que esas facturas non se puideron pagar até agosto e outubro”, recordou.

O Pleno aproba a conta xeral do Concello e a amortización anticipada de débeda de 15,1 millóns de euros