Marea Atlántica | nota de prensa

O Pleno aproba as novas ordenanzas fiscais do Concello para 2022

María García: “Seguimos avanzando no camiño da xustiza fiscal que iniciou Xulio Ferreiro en 2015, porque temos un modelo claro. A nosa oposición é critica, pero sempre propositiva" 

O Pleno aproba as novas ordenanzas fiscais do Concello para 2022
Camiño do pleno
Camiño do pleno
  • A partir do vindeiro ano, as familias monoparentais terán as mesmas bonificacións en lixo, auga e saneamento que as numerosas, mentres bancos e telefónicas pagarán máis polo uso da vía pública 
  • As ONG e asociacións veciñais poderán empregar de balde as instalacions deportivas e mercados municipais para eventos sen ánimo de lucro e interese xeral

O Pleno do Concello aprobou hoxe a modificación de doce ordenanzas fiscais, froito dun acordo entre a Marea Atlántica e o goberno local. Trátase dun avance que continúa a senda de xustiza fiscal iniciada polo equipo de Xulio Ferreiro en 2015, e que contribúe a facer máis redistributivos os impostos do Concello. Entre outras cuestións, auméntase a taxa que pagan os bancos pola instalación de caixeiros na vía pública, sobre todo no centro. E pagarán tamén máis as grandes empresas telefónicas pola instalación das súas liñas. A cambio, as familias monoparentais, cada día máis comúns, terán por primeira vez as mesmas bonificacións que as familias numerosas, un 50% nas taxas da auga, lixo e saneamento. 

Ademais, facilítase que as asociacións veciñais e ONGs empreguen as instalacións deportivas e mercados municipais, de balde no caso de eventos sen ánimo de lucro e de interese xeral, e cun 50% de bonificación no taxa cando se cobren entradas. Tamén se adquire o compromiso de comezar a estudar o pago por separación da taxa de lixo, coa fin de poder aplicar un proxecto piloto nun barrio da cidade o ano que vén. “Estamos ante un avance positivo para a cidade, que estende a xustiza fiscal. Por iso negociamos para aprobar estas ordenanzas”; resumiu María García, voceira da Marea Atlántica. 

A nosa portavoz lembrou que, aínda que non foron aceptadas todas as nosas achegas (falta a eliminación do copago na Axuda a Domicilio e a bonificación do IBI ao pequeno comercio e hostalería), chegamos a un acordo positivo para A Coruña e evitamos a situación de bloqueo que tanto se deu no pasado mandato, e na que a cidade é a principal prexudicada. “Nós temos un modelo fiscal claro, con propostas concretas, e exercemos unha oposición crítica e esixente, pero sempre propositiva. Hoxe vemos os resultados”, sinalou. 

García lembrou, ademais, que coas ordenanzas fiscais non só se deciden os impostos que paga a veciñanza, tamén os ingresos cos que o Concello poderá facer investimentos e prestar servizos: “E iso é o que nunca conta o PP cando propón a súa tarifa plana de baixada de impostos. Que logos os servizos quedan só para quen poida pagalos”.

Por iso, durante o mandato da Marea Atlántica xa houbo avances importantes como garantir que a ninguén se lle corta a auga por non ter recursos, garantindo o mínimo vital, ou facer que os vehículos máis contaminantes paguen un IVTM máis alto. Recentemente, e tamén grazas a unha negociación co goberno local, implantaronse bonificacións  taxas da auga e o lixo para a hostalería, o comercio e a cultura, por ser sectores especialmente afectados pola pandemia.

Moi baixa execución orzamentaria a dous meses de fin de ano

Alén dos asuntos impulsados pola negociación coa Marea Atlántica, o goberno só levou a Pleno dous modificativos de crédito menores, que foron aprobados. Pero que amosan a falta de iniciativa neste ano que, como denunciou o noso vicevoceiro, Iago Martínez, “xa comezou mal, coa decisión unilateral de non aprobar uns orzamentos cos que facer fronte á delicada situación que nos deixou a Covid 19, algo que xa non pode negarse que foi un erro”. 

Martínez sinalou que, a dous meses de rematar o ano, a execución global deste orzamento prorrogado é só do 56%. Pero se imos ao detalle, vemos que cinco das nove áreas de goberno non chegan nin ao 40% de execución, con áreas tan sensibles como Emprego, Turismo ou Servizos Sociais. “Nós imos poñer da nosa parte para que o próximo ano si haxa un orzamento á altura dos retos que afronta á cidade. Pero o que non podemos facer desde a oposición é gobernar por vostedes”, resumiu. 

Doutra banda, votamos a favor de que o Concello se persone fronte a denuncia que a entidade Hablemos español (anteriormente coñecida como Galicia Bilingüe) contra a ordenanza do galego aprobada en xuño, con décadas de atraso fronte ás demais cidades galegas. Porén, Iago Martínez aproveitou para reclamar que esta normativa se cumpra, xa que nin todo o goberno local emprega maioritariamente o galego nas súas intervencións públicas, nin se creou o Consello Local da Lingua, nin se puxo en marcha un novo Plan de Normalización Lingüística.

Comentarios
O Pleno aproba as novas ordenanzas fiscais do Concello para 2022